Novas destacadas

O legado das cantareiras, a refuxio no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego

 

 

O legado das cantareiras, ás que se lle dedica o Día das Letras Galegas este ano, está a refuxio no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), localizado no Museo do Pobo Galego, grazas ao patrocinio de PuntoGal, que permite a dixitalización, catalogación e difusión do patrimonio inmaterial galego. O apoio da entidade xestora do dominio identificador de Galicia na rede, entre outras institucións, logrou que, no servizo, as cintas xa dixitalizadas, con gravacións orais e musicais, sexan máis de 2.500, das que se sacaron 27.500 cortes, e que na súa páxina web haxa dispoñibles preto de 1.800.

 

O arquivo naceu no 2007 coa idea de recoller o patrimonio inmaterial en discos, pero a propia Concha Losada, que era colaboradora naquel momento e coordinadora a día de hoxe, suxeriu facelo en internet “para que a xente, nas súas casas, puidera ter á súa disposición o que iamos actualizando na base de datos”. Nestes case 20 anos o APOI “foi medrando”, lembra a tamén presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego e vogal de PuntoGal, e incorporou non só música, senón tamén patrimonio oral doutro tipo, como contos ou cerimonias como romarías ou entroidos. 

 

Un dos puntos importantes na historia do arquivo foi, segundo salienta Losada, a incorporación dos arquivos orixinais e os cadernos de traballo de campo de Dorothé Schubarth, que fixo “a enciclopedia máis monumental de música tradicional galega”. “Foi un salto cualitativo impresionante e empezou a facer do APOI unha ferramenta coñecida e utilizada, para ver o noso pasado e crear a música do futuro”, remarca. Moitos artistas e grupos pasan por este servizo en busca de inspiración. Non só os clásicos da música tradicional, como Fuxan os Ventos ou Leilía, senón bandas actuais como De Ninghures, Faia ou Caamaño e Ameixeiras. “Trátase de construír sobre as raíces que tes para interpretar o mundo e para emocionarse, para sentir e para crear”, explica a coordinadora do APOI. 

 

O apoio de PuntoGal, que tamén forma parte do Padroado do Museo do Pobo Galego é, di, “decisivo” para que o arquivo siga medrando. “Este proxecto ten a relación entre a tradición, a custodia, a difusión e a tecnoloxía. A información en galego é valiosa no século XXI”, subliña a coordinadora. O vicepresidente de PuntoGal e representante no Padroado, Camilo Regueiro, explica que a entidade é consciente que “unha das nosas maiores riquezas como pobo é o noso riquísimo patrimonio inmaterial popular que, en parte, corre o risco de perderse senon se preserva todo un traballo feito por persoas e entidades que se dedicaron a recompilar ese legado”. Esta certeza traduciuse no apoio económico que, engade, “permite ter unha persoa contratada de forma estable ao longo de todo o ano dedicada ao proxecto de dixitalizar, indexar e catalogar as diferentes coleccións que foron depositadas alí”. Regueiro expón que un dos principios de PuntoGal “é reinvestir os beneficios obtidos pola xestión dos dominios en iniciativas de interese para a cultura galega” e, por esa razón, a intención é que o patrocinio ao APOI sexa “continuo e de futuro”.

 

As cantareiras son parte fundamental do arquivo e no seu ano, coa homenaxe do Día das Letras Galega, o arquivo quere destacalas non só como conxunto senon de xeito individual. “Dise que a tradición oral é de mulleres, pero é anónima, a ninguén lle importa poñerlles nome. A nós si, xa lle puxemos nome e voz a centos de mulleres que cantaron e queremos seguir”, comenta Concha Losada. A técnica do arquivo, Isabel Vigo, engade: “Non temos tanta información como nos gustaría de cada unha delas e cando a xente vén consultar ofrécenos datos e queremos seguir atopando máis”. Neste ano a efeméride está aumentando o número de consultas, apunta Vigo, e tamén as cesións. Porque o servizo está aberto a que cheguen todo tipo de mostras de patrimonio oral. Cintas casetes de avós, por exemplo, son benvidas no arquivo porque, dí a experta, “é un sitio onde deixalo e que, pasado o tempo, haxa unha copia para poñelo en valor”.

 

Adri Méndez, da banda De Ninghures, cualifica de “fonte de inspiración e creación plena e absoluta” o arquivo. “Está toda a información e toda a sonoridade que nos permite achegarnos ás nosas avoas e bisavoas, para vivir algo que nin a nosa xeración nin a dos nosos pais viviu pola rotura da cadea de transmisión oral”, relata o artista. Méndez contabiliza que “o 80% ou máis” do disco sae do escoitado no APOI, “adaptado aos tempos, pero cos mesmos códigos”. De entre todas, destaca as coplas de Salomé, de Arzúa, que aparecen na súa canción ‘O último baile’, que ten máis de 30.000 escoitas en Spotify. Pola súa banda, Faia expón que o arquivo “está moi vivo e está no xerme de moitas cousas que se fan agora mesmo”. No seu disco, Alvela, aparecen varios arrolos e un romance rescatados do APOI. “Atopo melodías, letras e información valiosa para o meu traballo e é un lugar de identidade, de encontro coa memoria do pobo e un lugar de puro deleite. Paso moitas horas escoitando na casa ou no arquivo”, explica. Tamén Caamaño e Ameixeiras ou na banda sonora da película ‘O Corno’ aparecen sons recuperados do arquivo.