Novas, Novas de interese

Unha voz propia nunha industria global

O día que activamos o primeiro dominio, o noso presidente, Manuel González, dixo que os puntogal eran os documentos de identidade galegos na rede. Non ía desencamiñado. Coa perspectiva dos case dez anos pasados desde a súa aprobación e o soporte que nos dan os máis de 6.600 dominios rexistrados baixo o noso paraugas, sentimos cada día a responsabilidade de ofrecer un bo servizo a cada un dos rexistros, pero tamén a de representar -e presentar- Galicia nos espazos internacionais desta industria global.

PuntoGal quere seguir crecendo. Quere que o parque de páxinas web .gal sexa aínda máis grande. Hai espazo para que así sexa. Con empresas, con institucións, con entidades, con cidadáns. É un dos nosos principais obxectivos. Pero non é o único. Hai, polo menos, outros dous: fornecer un servizo e un apoio ao ecosistema TIC galego, e en galego, e amosar o que nós facemos e o que nos preocupa nos foros nos que se fala de internet en calquera lugar do mundo.

O dominio galego é unha rara avis. Naceu do consenso e nos seus principios fundacionais aposta por consolidar un proxecto transversal que axude, na medida das súas posibilidades, ao seu contorno máis próximo. Iso explica o noso programa corporativo que patrocina ou colabora con iniciativas de diverso tipo. Aí está a aposta co APOI do Museo do Pobo Galego, que recupera a nosa identidade sonora; a colaboración coa Real Academia Galega (RAG) para consolidar un concurso de relatos en galego para adultos pero tamén para os máis novos; a presenza en iniciativas de creación de contidos en galego en plataformas de vídeo ou podcast; o premio a grupos de investigación e empresas saídas das universidades públicas galegas xunto co xornal dixital GCiencia; a aposta pola creatividade da industria galega da comunicación co patrocinio continuado dos premios Paraugas; e, non menos importante, a nosa vella amistade coa AETG na Noite das Telecomunicacións ou no Culturgal. Recentemente, ademais, recibimos o premio de Publicidade en galego pola campaña Abre na rede, un proxecto conxunto con Dinahosting que, durante o peor da pandemia, forneceu de dominios e servidores gratis a empresas e entidades durante un ano. Este tipo de iniciativas son as que xustifican a existencia de PuntoGal.

O mundo que nos deixou a pandemia trouxo novas posibilidades de traballo e ocio en rede. Iso axuda na flexibilidade e na conciliación, pero tamén implica riscos. Por iso, PuntoGal está implicado activamente no ámbito de ciberseguridade. Recentemente, entrou a formar parte do Nodo galego ciber.gal, impulsado pola Amtega. E, desde a súa entrada na Global Cyber Alliance (CSA), puxo a disposición da comunidade TIC galega de recursos no noso idioma para axudar a protexernos, como é o caso de Kit de ferramentas para PEMES. Nas vindeiras semanas ampliaremos o ámbito dos kit a outros sectores.

En 2023 verán a luz dous proxectos importantes para o dominio. Ambos sairán cando se cumpren dez anos da delegación efectiva de PuntoGal por parte de ICANN. O primeiro deles é o Observatorio PuntoGal, que nos axudará a coñecer como é a rede en Galicia. Que CMS son os máis habituais? Que porcentaxe de páxinas de empresas temos no noso rexistro? Cal é o idioma que máis se emprega? Como estamos fronte a outros dominios e outros territorios? Este é un traballo con vocación de continuidade e con actualizacións periódicas que estará aberto á cidadanía mediante un portal web e un informe que se poderá descargar libremente en PDF. Para desenvolver este proxecto, ademais de contar coa axuda da Deputación da Coruña, asinamos acordos ou obtivemos datos doutros rexistros e zonas xeográficas que nos permitirán poñer os nosos propios no contexto axeitado. Axudar a coñecer como estamos é unha boa maneira de saber cales son os pasos que debemos dar no futuro.

A segunda consiste en achegar un pouco máis o dominio á cidadanía mediante un servizo de uso diario. No primeiro trimestre do ano agardamos activar o correo electrónico gratuíto para que calquera persoa poida ter unha conta ligada a un dominio .gal. O produto, como non pode ser doutro xeito, disporá de suficiente almacenamento, un soporte de incidencias axeitado e as funcionalidades necesarias para traballar con el no día a día. Pero, sobre todo, estará en galego e funcionará cun .gal. Como diciamos ao principio, para identificarnos no mapa global da rede.

Pero PuntoGal é algo máis. Somos conscientes de que o noso labor fundamental está en Galicia, pero sabemos que formamos parte dunha industria á que debemos achegar a nosa visión do mundo. Xa antes de que o dominio existise, cando era a promotora dunha candidatura, o equipo participaba activamente nas reunións de ICANN. Unha vez conseguido o obxectivo inicial, esa presenza aumentou por varias vías. Como antes, estamos nas reunións de ICANN que se celebran de forma periódica ao longo do ano. Alí é onde se deciden as políticas que se aplican a todos os rexistros a nivel mundial, do .com ao .es, en cuestións fundamentais como o funcionamento da rede, as políticas de seguridade, as normas de protección de datos ou programas de apoio a rexións do mundo onde a rede está menos desenvolvida ou onde existen conflitos, como o caso de Ucraína. Nas meetings de ICANN hai lugar para coñecer como serán esas políticas no futuro, para reunirse e coñecer outras iniciativas, para establecer espazos de colaboración e ofrecer o noso punto de vista. E para dar a coñecer o que se fai en Galicia.

.Gal forma parte tamén doutras dúas iniciativas que axudan a moldear o sector. A primeira delas é a RYSG, a asociación a nivel mundial que inclúe a rexistros e rexistradores. É un marco onde se debaten futuras políticas ou xorden iniciativas de grupo de cara a ICANN que no futuro terán repercusións prácticas no funcionamento da rede. A segunda é o Geotld Group, o punto de encontro dos dominios culturais, lingüísticos ou de cidades e territorios. É quizais neste grupo onde a presenza de PuntoGal é máis activa, xa que aquí se discuten e poñen en marcha iniciativas entre dominios que teñen as mesmas características, sensibilidades e preocupacións. Nos seus distintos foros trátanse temas como a privacidade, a ciberseguridade, a lingua, a complexa convivencia coas grandes plataformas tecnolóxicas e de contidos, a pervivencia cultural ou cuestións máis do día a día relacionadas coa comercialización dos dominios e o márketing conxunto.

A nosa presenza internacional complétase coa integración paulatina que nos últimos anos fixemos no sector en Galicia. Por iso, tamén estamos no Clúster da Comunicación de Galicia e no Clúster TIC. Precisamente agora, ao sector ábrenselle novas posibilidades, non só coa posta en marcha da Cidade das TIC, senón tamén coa agardemos exitosa candidatura galega á Axencia española de supervisión da intelixencia artificial.

O dominio galego vai crecendo. Paseniño. Integrado, dez anos despois, coa paisaxe das tecnoloxías e das iniciativas que espallan o idioma pola rede. E involucrado nos ámbitos internacionais que axudan a que a rede sexa máis segura e accesible. E aí seguiremos.

 

*A Axencia Española de Supervisión da intelixencia artificial finalmente terá a sua sede en A Coruña, feito que se soubo trala publicación deste artigo.