Proxectos

Todo listo para o Autobán, a feira de autoedición da Coruña

A Coruña, 26 de xullo de 2024 | Como parte do programa de apoio a iniciativas no ámbito da lingua e a cultura, PuntoGal segue a apostar polas feiras de autoedición como iniciativa de interese e na que a axuda da entidade pode marcar unha diferencia en termos de estabilidade, profesionalización en capacidade de convocatoria.

En xuño inaugurouse o verán co FunFunFun. A veterana cita compostelana serviu de pista de lanzamento dun verán cheo de ilustración, banda deseñada, música e imaxinación.

En agosto, e compartindo datas cunha das citas máis veteranas do estado (o festival coruñés Viñetas desde o Atlántico) celébrase o Autoban, coa mesma filosofía e o aliciente engadido de ter lugar na rúa e nunha das fins de semana maís festivas do entorno, o que o transforma da cita obrigatoria e o lugar de encontro dos afeccionados ao medio.

Variedade de produtos e actividades

No Autobán podes atopar os mesmos ingredientes que noutros anos: forte implicación de artistas locais, por exemplo, pero tamén a presenza de invitados doutras comunidades e doutros países. Aínda que en todas as feiras hai veteranos que levan anos traballando e que, en ocasións, comparten o traballo autoeditado co que fan para grandes editoras, tamén hai moita xente nova que aporta algunha peza pequena, un primeiro fanzine, participa nunha revista con outros compañeiros ou só ve para probar a ver que pasa. Con series que levan anos funcionando, fan fiction, autoficción e unha variedade estética que vai desde a máis agresiva ata a máis ‘cuqui’, ninguén está excluído do mercado: banda deseñada, roupa reciclada, cerámica, obxectos impresos en 3D, publicacións satíricas con forma de caderno de caligrafía, catálogo de mobles, parches para a roupa, deseños para tatuaxes, libros para colorear…. se ten que ver co exercicio da creatividade é posible (e doado) atopalo.

Esta variedade tamén é patente na cantidade de entidades que participan e apoian, na medida que poden, estas iniciativas: galerías locais, negocios hostaleiros, imprentas e reprografías ou librerías e tendas de cómic e banda deseñada, así como nas actividades que as acompañan: concertos, pinchadas, xogos de rol e de cartas, obradoiros, bingos, coloquios ou sesións de presentacións de novidades.

Estade atentos á publicación do programa de actividades nas redes sociais e na súa web, autoban.gal