Novas, Novas destacadas

PuntoGal reúnese en Londres cos principais dominios xeográficos e culturais de Europa

A Coruña, 6 de setembro | PuntoGal reuniuse esta semana en Londres cos principais dominios xeográficos que identifican a unha cidade, unha rexión, unha lingua e unha cultura, e que forman parte dos GeoTLDGroup.

A reunión que tivo lugar desde onte 5 de setembro ata a tarde de hoxe 6 de setembro foi organizada polo dominio .london, que forma parte do grupo, e contou coa participación de membros de dominios como o .gal, .bzh, .paris, .amsterdam,.eus,.wien, .hamburg, .berlin, .denic, .fsl, . alsace, entre outros así como algún rexistrador e membros de entidades relacionadas coa seguridade na rede, a prevención do fraude e a intelixencia artificial.

A benvida da reunión foi a cargo do presidente do grupo e membro da área corporativa da Fundaciò.cat, Nacho Amadoz, e durante os dous días os membros participantes puideron compartir as súas experiencias e proxectos, e poñer en común as accións conxuntas.

Pola parte de PuntoGal acudiron o director xeral, Dario Janeiro e o director de márketing, Luis Antelo, que falaron das accións levadas a cabo polo dominio durante este ano, algunha delas contando coa colaboración dos outros dominios ibéricos o .eus e o .cat. Destacaron entre os proxectos desenvolvidos este ano as accións de ciberseguridade que se puxeron en marcha co nodo ciber.gal e coa Global CyberAllyance, así como as iniciativas de apoio aos proxectos de autoedición en Galicia e os éxitos das seleccións galegas de fútbol gaélico.

PuntoGal presentou unha iniciativa para o intercambio de estudantes en prácticas entre os dominios, coa axuda do grupo para conseguir o recoñecemento académico das horas traballadas. A proposta foi ben acollida. PuntoGal desenvolverá os detalles para presentala de xeito máis pormenorizada antes do final deste ano.

O resto dos dominios presentes compartiu as súas impresións sobre a marcha do ano, as novidades en cuestións de leis e regulación previstas para os próximos meses, tanto por parte de ICANN coma da UE e os plans de comunicación para o ano 2025.

Polo resto, a reunión tamén funcionou coma paso previo á ICANN meeting que terá lugar en novembro en Estambul, onde terán lugar outros encontros máis centrados en temas concretos, tanto de xeito bilateral coma multilateral.

Sobre PuntoGal

PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.100 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.