A Coruña, 17 de setembro de 2024– Desde este venres 20 de setembro ata o próximo domingo 22, PuntoGal estará patrocinando un dos eventos organizados pola comunidade de WordPress, que terá lugar na Facultade de Comunicación no Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.
Entre as actividades que se desenvolveran durante a WordCamp haberá obradoiros de creación de páxinas web para varias ONGs locais, cun obxectivo tanto social como laboral, ponencias sobre temas tan variados como a ciberseguridade, comercio electrónico, industria musical, soporte, código aberto, facturación electrónica e emprendemento, entre outros.
Ademais do patrocinio, PuntoGal manterá reunións con distintas entidades dedicadas ao mantemento e a localización de software de forte aberta para seguir afondando na colaboración da entidade neste campo. Os sistemas de xestión de contidos como WordPress son a ferramenta usada para manter máis de 450 millóns de sitios web, de xeito que calquera avance que experimente na seguridade, a accesibilidade ou as posibilidades de xestión multilingüe revirte no beneficio de toda a comunidade.
Este tipo de colaboración con entidades TIC forma parte da misión corporativa de PuntoGal de fomentar a cultura, a lingua e a innovación tecnolóxica en Galicia.
Sobre PuntoGal
PuntoGal, a entidade xestora do dominio galego desde 2014, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe conta con máis de 7.100 dominios rexistrados.
Máis información en dominio.gal
Sobre WordCamp
Os WordCamps son conferencias informais e organizadas localmente que cobren todo o relacionado con WordPress, o software de publicación persoal libre e de código aberto que impulsa máis do 40% da web. Pódense celebrar en diferentes formatos, baseados nas comunidades locais que os producen, pero en xeral inclúen sesións sobre como usar WordPress de forma máis eficaz, desenvolvemento inicial de plugins e temas, técnicas avanzadas, seguridade, etc
Máis información en pontevedra.wordcamp.org