Novas

PuntoGal colabora coa 28 Noite Galega das Telecomunicacións

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2024. PuntoGal acudirá un ano máis á Noite Galega da Telecomunicación e a Sociedade da Información que se celebra o venres 20 de setembro, na illa da Toxa. O evento, organizado pola Asociación de Enxeñaría en Telecomunicación de Galicia (AETG) contará co patrocinio do dominio no marco das accións de colaboración que ambas entidades desenvolven de xeito habitual.

A Noite Galega da Telecomunicación é un evento social e de networking que reúne, como cada a ano, a enxeñeiros e outros profesionais do sector TIC galego. Este ano celébrase a súa XXVIII edición baixo o lema 30954 Conexión Total, que fai referencia aos esforzos para levar a banda ancha ás máis de 30.000 entidades de poboación de Galicia, así como a implementación do 5G, as estratexias avanzadas en ciberseguridade ou a conexión satelital.

Durante o acto entregaranse os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2024, que recoñecenás empresas, profesionais e entidades que traballan a favor do progreso tecnolóxico de Galicia e realizan boas prácticas no sector.

Pódese consultar o programa aquí.

PuntoGal, que recibiu a distinción de Socio de Honra da AETG no ano 2015,  estará representado no acto polo presidente da entidade, Manuel González González.

A colaboración de PuntoGal coa AETG iniciouse co nacemento do dominio. A Asociación de Enxeñaría en Telecomunicación forma parte dos dominios pioneiros e apoiou desde o primeiro momento a posta en marcha do rexistro galego. Froito da boa relación entre ambas entidades figura, por exemplo, os actos conxuntos de conmemoración do Día das Letras Galegas, en webinars como o da Universal Acceptance ou a participación en feiras como o Culturgal.

Sobre AETG-COETG

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia foi constituída co obxecto social de velar polo prestixio dos enxeñeiros de telecomunicación, fomentar e estreitar os lazos de unión e compañeirismo entre estes, contribuír ao desenvolvemento e progreso da comunidade autónoma de Galicia a través da difusión e potenciación das telecomunicacións, axudar aos seus asociados no desenvolvemento da súa actividade profesional e á súa integración nos mercados de traballo e a organización e concurrencia a congresos nacionais e internacionais.

 

Sobre PuntoGal

PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.100 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.