Novas destacadas, Proxectos

PuntoGal promove a divulgación da colección téxtil do Museo do pobo galego

Ferrol, 10 de xuño de 2024.-PuntoGal, o dominio galego en internet, presentou hoxe en Ferrol o resultado do concurso de deseños inspirados polos traxes da colección do Museo do pobo galego, unha actividade desenvolvida entre os estudantes do CIFP Leixa de Ferrol co obxectivo de crear distintos modelos de monecas de papel, inspiradas nos xogos infantís. A iniciativa inclúe a distribución de 10.000 exemplares dos deseños gañadores aos visitantes do Museo durante o verán. O proxecto conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua.

Os estudantes do CIFP presentaron as súas propostas, desenvolvidas na clase durante as últimas semanas, entre as que o profesorado do centro e PuntoGal seleccionaron cinco modelos finalistas. As 10.000 copias que se distribuirán no museo ncluirán tamén un código que permite obter un dominio .galcun importante desconto. Desta maneira, únese nunha mesma acción a promoción do museo, da súas colección téxtil e internet, fórmula elixida polos organizadores para celebrar este certame. As monecas de papel entregaranse a partir do mes de xuño de forma gratuíta aos visitantes do museo. Os códigos poden validarse en calquera das dúas empresas rexistradoras que participan na promoción: Dinahosting e Entorno Digital.

A directora do CIFP Leixa, Ana Roel, actuando como anfitriona do acto, agradeceu a confianza depositada no traballo do equipo docente e o alumnado, comentando que  “iniciativas coma esta dan difusión, prestixio e permiten a realización nas aulas de traballos reais e motivadores que, ademais, poñen en valor a calidade das ensinanzas de Formación Profesional”. Así mesmo valorou o esforzo das entidades convocantes “polos premios entregados e polo recoñecemento que teñen actividades como esta no curriculum das premiadas, tanto polo premio como pola magnitude da produción e o alcance dos traballos”.

O director de márketing de PuntoGal, Luis Antelo, expresou a súa satisfacción pola celebración deste  concurso, “no que a colección téxtil do museo é o punto de partida dos proxectos de deseño das alumnas e alumnos do centro, que poñen a súa creatividade ao servizo da renovación e divulgación dunha iniciativa coma a colección do Museo”. Tamén destacou a implicación de PuntoGal en centros educativos onde están “as xeracións para as que o galego e as novas tecnoloxías van unidos e que son determinantes para a nosa lingua siga presente na rede”. Finalmente, Antelo felicitou aos premiados e lembrou que, grazas a este proxecto, as bonecas de papel poderán entregarse “durante o verán os visitantes do museo de forma gratuíta, e incluíndo un código de desconto para obter o dominio a un prezo moi atractivo”.

A presidenta do Padroado do Museo do pobo galego, Concha Losada, afirmou que “o Museo está ao servizo de proxectos coma este, que xuntan a creatividade coa difusión da nosa identidade, e o fan co impulso da mocidade e da innovación. Quero destacar, ademais, a vinculación afectiva que supón o formato das bonecas de papel para moitas xeracións de nenas e nenos de todo o mundo. Estou segura de que vai lembrar a todos os visitantes do museo que, sendo pobos diferentes, temos tanto en común”.

O secretario xeral da lingua, Valentín García, destacou que “os traballos realizados polas estudantes de Leixa reinterpretan a tradición renovándoa, dándolle un novo pulo e, ao mesmo tempo, tomando o relevo para levala ás próximas xeracións”, e recalcou que “como futuros profesionais do deseño, de vos depende o aspecto da Galicia do futuro. Seredes vos que os decida”, recalcou.

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, pola súa banda, puxo énfase no feito de que o de Leixa “é un dos centros de referencia nas súas especialidades” e que “tanto a calidade das instalacións como a do equipo docente fai que sexa un referente para toda Galicia”,  e rematou a súa intervención animando ao estudantes a seguir participando neste tipo de iniciativas, “que dan visibilidade á calidade e a necesidade da formación profesional”.

Os cinco deseños seleccionados son da autoría de Mercedes de la Muela Cabanas, Sara López Bogo, Antía Cabana Fernández, Sabela Ameneiros Varela e Edan Pazos Barroso. Os gañadores do certame recibiron un diploma e distintos premios tecnolóxicos.

Sobre o CIFP Leixa

O Centro Integrado de Formación Profesional Leixa, localizado na cidade de Ferrol, no barrio de San Pedro de Leixa, ofrece ciclos formativos das familias profesionais de Artes Gráficas, Sanidade e Servizos socioculturais. O centro impulsa actividades orientadas ao fomento da innovación mediante a participación en proxectos de colaboración cos sectores educativos e produtivos, de xeito multidisciplinar, e  mediante a mellora formativa do profesorado e dos estudantes, promovendo a transferencia do coñecemento mutuo.

Sobre o Museo do Pobo Galego

A Asociación Padroado do Museo do Pobo Galego ten como obxectivos investigar, conservar, divulgar e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos e, concretamente, crear e manter un museo ao servizo destes obxectivos. Está instalado no antigo convento de San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela). As actividades da institución teñen tres vertentes fundamentais: as salas permanentes, as exposicións temporais e o labor de investigación a través de publicacións científicas e divulgativas, congresos, cursos e seminarios.

Sobre PuntoGal

PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día hoxe hai máis de 7100 dominios .gal rexistrados.