Novas de interese, Proxectos

PuntoGal apoia un ano máis o FunFunFun

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024 | Como parte do programa de apoio a iniciativas no ámbito da lingua e a cultura, en PuntoGal continuamos a apostar polas feiras de autoedición como iniciativa de interese e na que a axuda da entidade pode marcar unha diferencia en termos de estabilidade, profesionalización en capacidade de convocatoria das mesmas.
Esta pasada fin de semana abriuse a temporada de verán con a celebración da feira de fanzines, a partes máis pública do FunFunFun, pechando unha semana de actos académicos, lúdicos e de encontros entre creadores e afeccionados.
O festival converteu o CSC Santa Marta nun espazo vibrante onde a autoedición foi a protagonista, destacando a diversidade de formatos e estilos: desde fanzines, cómics, libros de artista, ata revistas independentes ou pezas téxtiles, o mercado ofertou unha ampla variedade de obras para todos os gustos. Entre os participantes destacaron tanto veteranos da escena como novos talentos, proporcionando unha plataforma para que todos poidan mostrar e compartir o seu traballo.
Con series que levan anos funcionando, fan fiction, autoficción e unha variedade estética que vai desde a máis agresiva ata a máis ‘cuqui’, ninguén está excluído do mercado: banda deseñada, roupa reciclada, cerámica, obxectos impresos en 3D, publicacións satíricas con forma de caderno de caligrafía, catálogo de mobles, parches para a roupa, deseños para tatuaxes, libros para colorear…. se ten que ver co exercicio da creatividade é posible (e doado) atopalo nestas citas.
Se queredes saber máis do que pasou nesta primeira grande cita da autoedición no verán de 2024, podedes pasar pola páxina funfunfun.gal ou consultar as súas redes. E se estivéchedes alí, tamén, que de seguro apareceredes nalgunha das fotos ou dos vídeos do pasado sábado.