A Coruña, 13 de xuño 2024| PuntoGal e a revista dixital VINTE, asociada ao xornal Praza.gal, renovan a súa colaboración para a publicación da sección “VINTE na rúa”, unha serie de reportaxes publicados quincenalmente que versarán sobre mulleres e homes de vilas e ciudades galegas, que contarán o que fan no seu día a día.
A colaboración entre as entidades que xurdiu en xaneiro de 2020 co patrocinio de “Vinte na rede”, continuará nesta nova sección dende o mes de xuño ata decembro.
Na primeira reportaxe, que se publicou este xoves, conversaron con Ramón, que colleu unha mercería no centro da Coruña, La Crisálida, para convertela nun éxito nas redes. Se queredes saber máis da súa historia podedes visitala aquí.
Sobre Vinte
VINTE é unha revista e plataforma de contido multimedia vinculada ao xornal Praza.gal e dirixida a un público de entre 20 e 45 anos. Naceu a finais de 2018 coa vocación de ser “a revista para a Galicia dos anos 20” e de producir xornalismo en diversos formatos para ofrecer unha visión fresca do que pasa en Galicia en cuestións de sociedade, cultura e tendencias. Os seus contidos distribúense a través da web vinte.praza.gal e dos seus perfís en Instagram, Facebook, Twitter e Youtube.
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.100 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.