- O dominio amplía a súa colaboración coa Asociación Galega de Fútbol Gaélico cun programa de formación deportiva de base e unha web informativa sobre este deporte
- Ángel Negrete sinalou na sinatura do convenio en Santiago que “este apoio permitirá dar a coñecer esta disciplina deportiva a máis de mil nenos en Galicia no curso 2021-22”
- O primeiro campus celebrarase do 23 ao 27 de agosto en Gondomar
Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2021.- A Federación Galega de Fútbol (FGF) en Santiago, situada no estadio municipal Vero Boquete de San Lázaro, acolleu este mediodía o acto de sinatura do acordo polo que PuntoGal se converte no patrocinador principal de Gaélico Escolas, o proxecto de formación deportiva de base da Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG). No acto estiveron presentes o presidente da AGFG, Ángel Negrete, e o presidente e o director xeral do dominio, Manuel González e Darío Janeiro.
O convenio, que amplía a colaboración do dominio con este deporte, permitirá a celebración de campus formativos sobre este deporte entre os máis novos, así como sesións e charlas informativas en centros educativos. A primeira das actividades celebrarase entre os días 23 e 27 en Gondomar. Alí, rapazas e rapaces de entre 8 e 17 anos, coñecerán as habilidades técnicas e tácticas do fútbol gaélico dun xeito ameno e divertido, mesturando xogos do propio deporte con outros de corte máis lúdico. Este campus estará dirixido por membros do clube local, o Turonia Gondomar F.G., en colaboración con Concello de Gondomar, e contará coa presenza dos seleccionadores galegos na súa xornada final. No acto presentouse tamén a camiseta oficial das Gaélico Escolas, que levarán os participantes nestas actividades e deuse conta do proxecto en marcha dunha web informativa sobre o proxecto onde a AGFG e PuntoGal informarán sobre as actividades desenvolvidas e darán a coñecer os fundamentos do deporte.
O presidente da Asociación de Fútbol Gaélico, Ángel Negrete, destacou a trascendencia deste convenio de patrocinio que, “grazas ao compromiso continuado de PuntoGal, que se remonta ao ano 2018, podemos continuar avanzando como proxecto de referencia na escena do fútbol gaélico internacional, promocionando o nome da nosa terra e cultura por todo o mundo”. Na súa intervención sinalou que Gaélico Escolas pretende “dar un paso adiante na implantación do fútbol gaélico en Galicia, e ser un proxecto de referencia en Europa. Ata o de agora, gran parte do traballo da Asociación foi dar a coñecer na sociedade a existencia deste deporte, obxectivo que cremos que, aínda sendo evidentemente minoritario, foi acadado. Cremos que é o momento de entrar na seguinte fase, a de consolidación, e esta pasa por crear unha estrutura sólida de deporte base, onde as nenas e nenos teñan o fútbol gaélico coma unha opción máis dentro da súa oferta deportiva. Trátase ademais dun proxecto transversal, no que queremos implicar tanto aos clubs de fútbol gaélico coma outro tipo de entidades como escolas, ANPAS, etc. Sen base, non hai futuro.”.
Pola súa parte, o presidente de PuntoGal, Manuel González, sinalou no acto de presentación que “Con este convenio PuntoGal trata de fomentar o deporte vinculado á identidade galega. E o fútbol gaélico é unha actividade deportiva que leva o nome de Galicia por todo o mundo, e de maneira moi especial polos países de raíces celtas.”. Nese sentido, González afirmou que “Estamos seguros de que este apoio á Federación Galega de Fútbol Gaélico vai contribuír a difundir entre a nosa mocidade esta modalidade que tan ligada está ao nome de Galicia”.
O director xeral do dominio, Darío Janeiro, sinalou que PuntoGal “ve aliñados os valores do fútbol gaélico, a inclusividade, o traballo en equipo e a deportividade cos que se queren promover desde Gaélico Galego, que non deixa de ser un xeito maís de facer comunidade”. Nesta liña lembrou que este é o segundo convenio que o dominio asina coa AGFG logo do que permitiu o patrocinio das seleccións femininas e masculinas deste deporte. Janeiro, quen lembrou algúns dos proxectos nos que actualmente colabora o dominio e que se poden consultar na nova páxina da asociación (asociacion.gal), sinalou que o crecemento no número de dominios rexistrados irá posibilitando, pouco a pouco, máis accións deste programa corporativo que, na súa opinión “constitúen, sen ningunha dúbida, unha das razóns de ser de PuntoGal”.
PuntoGal (www.dominio.gal) é a entidade que xestiona o dominio de internet “.gal”. A día de hoxe, conta máis de 6.000 dominios rexistrados entre empresas, institucións, entidades sociais e particulares.