13 de Setembro de 2022 I O presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González González e as coordenadoras do encontro de Fanzines e Autoedición Vaia Vaia asinaron un convenio a través do que PuntoGal patrocina a seguinte edición do encontro, que terá lugar na praza de abastos de Lugo na última fin de semana de setembro.
Mercado e actividades
PuntoGal ve nesta colaboración “unha axuda a unha actividade que permite a posta en valor de producións artísticas emerxentes e un pulo para iniciativas pioneiras e experimentais”, en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro, que comenta que “a vocación artesanal e minoritaria de moitas das obras que se poderán ver e mercar no Vaia Vaia non lles impiden ser sostibles economicamente, mesmo en versións posteriores que xa se integren noutras canles de distribución máis xeralistas.“
O Vaia Vaia contará con preto de cincuenta postos, obradoiros e concertos, e estará aberto na praza de abastos de Lugo os días 24 e 25 desde as 12 do mediodía ata as 8 da tarde.
Toda a información está dispoñible na súa web vaiavaia.gal.
PuntoGal (www.dominio.gal) é a entidade que xestiona o dominio de internet “.gal” e conta con máis de 6.500 dominios rexistrados entre empresas, institucións, entidades sociais e particulares. Este patrocinio forma parte do programa corporativo de apoio a iniciativas deportivas, culturais e de promoción económica do dominio.