Novas, Novas de interese, Proxectos

Amplíase o prazo de presentación de candidaturas para os Premios Spin-Off PuntoGal ata o 30 de setembro

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2022.- A organización dos VI Premios Spin-Off PuntoGal decidiu ampliar o prazo de presentación de candidaturas para estes galardóns que distinguen ás empresas e grupos de investigación máis innovadores. Varios responsables de entidades interesadas en participar nesta edición solicitaron máis tempo para achegar a documentación necesaria. O prazo estará aberto ata as 18:00 horas do venres 30 de setembro.

Os interesados en participar nesta próxima edición dos premios poden presentar as súas candidaturas a través do seguinte formulario: i.gal/so22 ou tamén co envío da documentación necesaria ao email spinoff@dominio.gal. Os requisitos para a presentación das distintas candidaturas son moi sinxelos co obxectivo de fomentar a maior participación posible.

O dominio PuntoGal e GCiencia organizan uns galardóns no que colaboran a Secretaria Xeral de Universidades da Xunta e Gadis. Os premios contan con tres apartados diferentes (Selo de Calidade, Idea Emerxente e Grupos de investigación) para recoñecer o traballo tanto das empresas innovadoras xa máis consolidadas, como ás que están dando os primeiros pasos e aos grupos de investigación con traballos especialmente destacados.

No apartado Selo de Calidade recoñecese á empresa galega que teña consolidado ao longo do tempo una traxectoria empresarial de prestixio. Nas anteriores edicións dos premios foron distinguidas neste apartado compañías tan prestixiosas coma Imatia, Galchimia, Innolact ou Mestrelab.

As empresas que irrompesen nos últimos meses no mercado cunha idea ou proxecto de marcado carácter innovador serán galardoadas no apartado Idea Emerxente. O ano pasado a gañadora foi Alice Biometrics e noutras edicións obtiveron o galardón outras compañías que destacan polas achegas innovadoras como Situm, All Genetics e Psico VR.

Os premios contan tamén cunha categoría que recoñece o traballo dun grupo de investigación dependente dalgunha das tres universidades galegas. Para a concesión deste premio, o xurado terá en conta aspectos coma as innovacións obtidas, os proxectos emprendidos, as publicacións realizadas e o grao de colaboración con empresas. O ano pasado a candidatura gañadora foi a do grupo Laboratorio de Bases de Datos, vinculado á Universidade da Coruña.

RESOLUCIÓN DO XURADO A FINAIS DE OUTUBRO

Na súa VI edición os premios Spin-off PuntoGal volverán contar cun xurado de prestixio no que destaca a presenza de investigadoras e responsables de compañías vinculadas coa ciencia. As integrantes do xurado son as investigadoras María Xosé Rodríguez Malmierca, e Edita de Lorenzo; as CEO das empresas Galchimia, Carme Pampín, e Celtarys, Sonia Martínez Arca; a divulgadora científica Andrea Muras e o xefe de servizo de Planificación e Estruturación da Investigación da Xunta, Faustino Infante.

O xurado realizará as súas deliberacións tralo peche do período de recepción de candidaturas e os gañadores nos distintos apartados se darán a coñecer a finais de outubro. O acto de entrega dos galardóns celebrárase antes do final de ano nunha das principais cidades galegas.

A evolución das distintas fases do Premio iranse detallando no microsite talentodegalicia.gal , un portal creado por GCiencia para dar a coñecer as novidades no mundo da innovación. As bases dos premios están publicadas e pódense consultar nas webs de PuntoGal e GCiencia así como nesta ligazón: i.gal/bso22