Novas, Novas de interese, Proxectos

PuntoGal patrocina o espazo dedicado ao videoxogo galego no novo MUVi de Cangas

A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia vén de anunciar a apertura dun novo Museo do Videoxogo na vila de Cangas do Morrazo este sábado, 10 de setembro. Un centro de preservación, exposición e experimentación da industria cultural do videoxogo, con capacidade para máis de 100 persoas e amplas exposicións cambiantes sobre o medio.

Trátase dun espazo completamente novo, que conta con coleccións renovadas e con representantes de todos os estilos de videoxogos: desde máquinas Arcade, pasando por videoconsolas, portátiles e dispositivos bidirecccionais ata unha selección dos títulos máis influíntes da historia do medio. Un lugar con ducias de pezas para tocar, experimentar e xogar.

O videoxogo galego, un plus

PuntoGal, que mantén a súa colaboración co centro desde os seus inicios, ve nesta colaboración “un xeito de divulgar e manter unha cultura presente na vida diaria e no lecer de moitos galegos, pero tamén un operador que cada ano ten máis peso no tecido produtivo do país”, en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro, quen comenta que “a industria do videoxogo non só da froitos por si mesma, tamén é un ingrediente que impregna outros sectores, como a animación, a publicidade ou a produción audiovisual, e que se ve reforzado pola súa presenza cada vez maior nos plans de estudios das universidade galegas.“

O MUVI conta agora con zonas exclusivas de preservación e divulgación, espazos nos que se conserva e expón de xeito interactivo o patrimonio cultural do sector e o seu corpus artístico: o total dos videoxogos comerciais dos últimos 25 anos e documentación sobre os autores, centros de ensino, entidades preservadoras e tódalas as asociacións e empresas que dalgún xeito forman parte dela.

O museo é accesible de balde todos os sábados de 16:30 a 20 horas, e está en Cangas do Morrazo, na rúa Aragón, 2. Toda a información está dispoñible na súa web muvi.gal.

PuntoGal (www.dominio.gal) é a entidade que xestiona o dominio de internet “.gal” e conta con máis de 6.500 dominios rexistrados entre empresas, institucións, entidades sociais e particulares. Este patrocinio forma parte do programa corporativo de apoio a iniciativas deportivas, culturais e de promoción económica do dominio.