Novas
PuntoGal felicita ao Museo do Pobo Galego polo seu 50 aniversario e recoñece a importancia da súa traxectoria na defensa da cultura galega
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2026 · PuntoGal quere ofrecer os seus parabéns ao Museo do Pobo Galego con motivo do seu 50 aniversario, unha efeméride que pon en valor medio século de traballo exemplar na conservación, estudo e difusión do patrimonio cultural de Galicia.
Desde a súa creación en 1976 e a súa apertura ao público no 77, o Museo do Pobo Galego converteuse nunha institución de referencia para o país, desempeñando un papel fundamental na preservación da memoria colectiva do pobo galego e na promoción do coñecemento sobre a nosa historia, as nosas tradicións e a nosa identidade. Ao longo destas cinco décadas, o Museo consolidouse como un espazo vivo, aberto á cidadanía e comprometido coa cultura galega desde unha perspectiva integradora e moderna.
Para PuntoGal, a traxectoria do Museo do Pobo Galego representa un exemplo de compromiso firme coa defensa e proxección da lingua e da cultura propias, valores que tamén inspiran o labor diario da entidade xestora do dominio .gal, que é parte do padroado do Museo. Ambas institucións comparten a vontade de fortalecer a presenza de Galicia no mundo, contribuíndo á construción dunha identidade forte, recoñecible e orgullosa das súas raíces.
“O Museo do Pobo Galego é unha das grandes referencias culturais do noso país e un símbolo da capacidade de Galicia para coidar, explicar e proxectar o seu patrimonio”, sinala Camilo Regueiro, vicepresidente de PuntoGal. “Celebrar estes cincuenta anos é recoñecer o esforzo de todas as persoas que fixeron posible esta institución imprescindible para entender quen somos como pobo”. “Por iso PuntoGal impulsa o seu traballo, nomeadamente ao APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade), un proxecto impulsado polo Museo para a recollida, conservación e difusión do patrimonio oral inmaterial de Galicia. A través deste arquivo, ” continúa Regueiro “recompílanse testemuños, relatos, saberes e expresións da tradición oral que constitúen unha parte esencial da memoria colectiva do país. O APOI representa así unha ferramenta fundamental para preservar voces e coñecementos transmitidos de xeración en xeración, garantindo que este legado inmaterial continúe vivo e accesible para o futuro, reforzando o papel do Museo como gardián da identidade cultural galega.
PuntoGal súmase así á celebración deste 50 aniversario, reiterando o seu recoñecemento ao Museo do Pobo Galego e expresando o desexo de que continúe moitos anos máis sendo un faro para a cultura galega.