Ferrol 24 de febreiro de 2023.- Hoxe presentouse no salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol unha nova edición da FIRST LEGO League Galicia. PuntoGal colaborará por sexto ano consecutivo como patrocinador deste evento, que se celebrará o sábado 4 de marzo no Campus Industrial de Ferrol. A FIRST LEGO League, é un programa internacional que fomenta as vocacións científicas e tecnolóxicas entre mozos e mozas, a través dun desafío que os equipos deben resolver. Este evento esta organizado en Galicia pola Universidade da Coruña, a través da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol e o Campus Industrial.
O acto estivo presidido pola vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández; a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao Rodríguez; o concelleiro delegado da Área de Cultura, Educación, Universidade, Deportes e Festas do Concello de Ferrol; Antonio Golpe Díaz; a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares Pernas; o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Andrés Piñón Pazos; e o coordinador da FLL Galicia, José Antonio Becerra Permuy. Pola parte de PuntoGal como patrocinador, acudiu á foto de familia o director xeral, Darío Janeiro.
Neste ano no desafío SUPER POWERED, que está inspirado na viaxe da enerxía, de onde provén e como se distribúe, os participantes terán que reimaxinar un mellor futuro enerxético. A FIRST LEGO invita ós equipos a descubrir a diversión e a emoción da ciencia e a tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas mentres resolven problemáticas reais. Os equipos deseñan, crean e proban robots autónomos e operados por controladores, que deberán superar unhas probas durante o torneo.
Na edición deste ano cóntase coa participación de máis de 40 equipos e levarase a cabo en diversos espazos como poden ser a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, a Facultade de Humanidades e Documentación, o pavillón de Esteiro ou o Auditorio Municipal. Da categoría Challenge que é a de maiores (de 9 a 16 anos) participarán 23 equipos e 23 equipos de menores de 9 anos.
Dentro da competición tamén hai un apartado para os máis pequenos, a FIRST LEGO League Explore (de 6 a 9 anos) e a FIRST LEGO League Discover (de 4 a 6 anos). Os máis pequenos deseñan e constrúen un modelo con ladrillos LEGO DUPLO e completan un caderno de enxeñaría, o que os axudará achegarse ao mundo STEM. Pola contra, os do grupo Explore teranse que enfrontar a tres retos: un traballo de investigación; programar, deseñar e construír un robot e participar nunha exposición do seu traballo e deseños.
PuntoGal mantén un convenio de colaboración e patrocinio coa Universidade da Coruña para apoiar o evento, que forma parte da área de proxectos institucionais apoiados dende o dominio. Esperámosvos alí!