Novas, Novas de interese, Novas destacadas

Pechado o prazo de entrega do concurso de microrrelatos relatos.gal

O concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal pechou o pasado mércores 1 de marzo a recepción de novos relatos para a que é xa a sexta edición deste certame que fomenta a expresión creativa e a presenza da lingua galega no ámbito dixital. A convocatoria, dirixida ao público de todas as idades, repartirá nove premios entre as mellores historias de ata 200 palabras que se presenten, a través da páxina web relatos.gal, nas categorías correspondentes: infantil (ata 11 anos), xuvenil (de 12 a 17 anos) e persoas adultas (a partir de 18 anos).

Dende a súa creación no ano 2018, o concurso contou coa participación de máis de 5000 persoas e contribuíu a visibilizar dende novos autores e autoras das letras galegas de curta idade como Nee Barros (2002) e Alba Guzmán (2003) a debutantes serodios no mundo editorial como Paloma de Toro (1985) e Carlos Neira Suárez (1950).

Os relatos presentados na categoría de adultos serán valorados desta volta polo xurado composto polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e tamén académico de número, Manuel González González; a académica de número María Dolores Sánchez Palomino; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista Rosalía Macías Tarrío. O xurado das modalidades infantil e xuvenil integrarano o académico de número Gonzalo Navaza, a académica correspondente Celia Pereira Porto, a profesora da Universidade de Vigo e secretaria da xunta directiva de PuntoGal, Edita de Lorenzo,
Cristina Ríos, do equipo de PuntoGal e o mestre e escritor Lois Pérez.

As persoas gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos —ordenadores, consolas, lectores electrónicos de libros— e relacionados coa lectura. As bases completas e a lista de premios están dispoñibles na páxina web do concurso. As historias premiadas serán publicadas nas páxinas das dúas entidades organizadoras e na edición en papel da revista Luzes, que colabora nesta iniciativa dende a súa posta en marcha.

Pódese seguir todo o proceso desde a web relatos.gal, onde se publicarán tamén os relatos gañadores e onde se poden consultar os resultados de pasadas edicións.