Novas, Novas de interese

Dominios culturais e territoriais reúnense con rexistradores na Coruña

A Coruña, 2 de febreiro de 2024 | Representantes dos dominios lingüísticos e culturais .gal, .cat, .eus e .barcelona mantiveron na Coruña unha reunión ao longo do día de onte para poñer en común os seus plans de futuro, accións comerciais para este ano e previsións de evolución do mercado e da rede.
Os catro dominios participantes son á súa vez membros do grupo dos GeoTLDs, que congregan aos dominios de raíz xeográfica, lingüística e cultural, e entre os que se atopan .scot (Escocia), .london (Londres) ou .bzh (Bretaña) entre outros e  no que levan a cabo accións comúns de comunicación co público ou cos órganos de gobernanza da rede, como ICANN.

Por parte dos rexistradores, as empresas autorizadas para a venda de dominios ao público, estiveron presentes os máis relevantes do mercado, ata un total de vinte asistentes.

Previsións de futuro
A xornada abriuse cunha presentación por parte do director da Cidade dás TIC, Alfonso Martínez, que falou da importancia das novas infraestructuras e a deslocalización das mesmas para a posta en valor das industrias TIC, así como da importancia das descentralización das axencias reguladoras, tomando como exemplo a inminente apertura da AESIA na Coruña.

Prioridades dos dominios
Na segunda parte da sesión cada un dos dominios expuxo a situación actual na que se atopa así como os plans para o resto deste ano 2024.

Cuestións como a irrupción da intelixencia artificial, os cambios na lexislación europea, a protección dos datos de usuarios foron algunhas das que ocuparon as discusións. Tamén se trataron cuestións como a ciberseguridade, o traballo dos dominios para conseguir unha rede máis segura ou as perspectivas de cooperación tendo en conta os cambios xeopolíticos máis recentes.

No aspecto máis inmediato, comentouse a posibilidade de poñer en marcha algunha acción conxunta, comercial ou de marca durante o ano 2024.

A reunión rematou tras unha cea de traballo coa intención de retomar as tareas comúns en próximas ocasións.

Sobre PuntoGal

PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolven o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai máis de 7000 dominios .gal rexistrados.

Sobre PUNTUEUS

PUNTUEUS é a entidade responsable da xestión, control e administración do dominio .EUS. En maio de 2012, PUNTUEUS presentou a solicitude de dominio .EUS ante ICANN e foi a fundación, en decembro de 2013, quen asinou o contrato co órgano que xestiona Internet.
A misión de PUNTUEUS é incidir desde o eúscaro na transformación dixital da sociedade, promovendo a difusión do dominio .EUS e poñendo en marcha proxectos avanzados de transformación dixital. Neste momento hai máis de 14.000 dominios .EUS rexistrados.

Sobre PuntCat

A Fundació .cat é unha entidade privada sen ánimo de lucro nin filiación política xestora do dominio .cat. Ten por obxectivos promover actividades referentes á xestión e promoción do dominio .cat, impulsar a identidade catalá e a normalización do uso do catalán no ámbito da internet e as TIC. O dominio .cat naceu en 2006 e foi o primeiro dominio asociado a unha comunidade lingüística e cultural.

Sobre .Barcelona

O .barcelona é o dominio da internet que permite presentarte ao mundo indicando a túa relación con Barcelona. O Concello creou o dominio .barcelona para dotar dun identificador na rede a todos os que queiran ter unha presenza en liña asociada ao nome da cidade.