Novas, Novas de interese

PuntoGal colaborou co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia na olimpiada informática

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2024 · PuntoGal e o CPEIG colaboraron na celebración da Olimpíada Informática de Galicia a mañá do pasado sábado 3 de febreiro na Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo, coa colaboración da Facultade de Informática da Universidade de A Coruña e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela.

Os dous primeiros postos na clasificación da OIG 2024 accederán de xeito directo á fase final da Olimpíada Informática Española (OIE) que se celebrará entre os días 15 e 17 de marzo de 2024 e terá lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Sevilla. De aí, os gañadores poderán acceder á 36ª Olimpíada Internacional de Informática, que se celebrará en Exipto no mes de setembro.

Os participantes, de menos de vinte anos,resolveron un conxunto de problemasempregando unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución.

Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Cada problema describirá un escenario no que queremos que un programa de ordenador nos axude dalgún xeito. Os problemas da Olimpíada adoitan centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos.

 

Representantes galegos en Sevilla 

Os gañadores foron, en primeira posición, Pedro Rey Anca, estudante de 2º de bacharelato do IES Saturnino Montojo de Ferrol; e no segundo posto Hugo Domínguez Conde, de 1º de bacharelato do CPR Manuel Peleteiro de Santiago. Os premiados recibiron non só o pase á XXVIII Olimpíada Informática Española, senon tamén premios en metálico. Do terceiro ao quinto clasificados tamén recibiron candaseu premio.

Esta colaboración inscríbese dentro do marco de colaboración entre as dúas entidades, plasmado nun convenio asinado no pasado mes de xaneiro.

Nas páxinas do cpeig.gal e da oig.gal pódese consultar máis información sobre o certame.

Sobre PuntoGal

PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolven o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día hoxe hai máis de 7000 dominios .gal rexistrados.

Sobre o CPEIG

O CPEIG é o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, unha corporación de Dereito Público creada en 2007. É unha entidade sen ánimo de lucro que representa a todos os enxeñeiros e enxeñeiras en todos os ámbitos e traballa para organizar, protexer, mellorar e velar por un adecuado exercicio da profesión.