Novas

Dez anos do dominio galego

PuntoGal cumprirá dez anos en 2024. O 14 de xuño de 2013, a ICANN, o organismo que regula a rede, delegou da extensión .gal e facilitou que Galicia tivese un dominio propio en internet. Hoxe, o seu uso está normalizado, en crecemento, e colabora a través do seu programa corporativo en ámbitos tecnolóxicos, culturais ou deportivos. Porén, a historia comezou antes desa data e o camiño foi longo, e sobre todo, complexo.

O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acolleu o 6 de abril de 2006, a reunión da promotora do dominio. Unha ducia de entidades abriron aquel día un proceso que tardaría sete anos en materializarse. Alí estaban a Asociación de Editores de Galicia, A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, a Asociación Fillos de Galicia, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Consello da Xuventude de Galicia, a Asociación de Empresas adicadas a Internet (Eganet), Galicia Hoxe, Idesga-Galego 21, ISOC Galicia, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Real Academia Galega (RAG) e Vieiros.

No comunicado no que se anunciaba a posta en marcha do proxecto, dicíase que “ICANN valora as propostas en función da súa xustificación, da necesidade de ter un dominio e dos apoios dos que dispón a propia candidatura dentro do territorio; por iso é imprescindible artellar unha candidatura sólida con presenza de importantes organismos e asociacións galegas no ámbito cultural, lingüístico e da comunicación”. O equipo dos promotores contaba con que o obxectivo se conseguiría nun prazo de dous anos.

Pero ICANN é un organismo complexo, realmente difícil para quen non coñeza o seu funcionamento. O camiño fíxose longo e o traballo, intenso. En moitas frontes. Informes económicos, técnicos, de viabilidade; reunións dentro e fóra de Galicia; obtención de financiamento para a candidatura; asistencia a congresos de ICANN; centos de xestións. PuntoGal sempre terá unha débeda coas persoas que colaboraron desinteresadamente neste proceso, aportando solidariamente os seus coñecementos e o seu tempo libre.

O primeiro dominio, nordu.net, ten data de xaneiro de 1985. A partir de aí, puxéronse en marcha as primeiras extensións xenéricas (.com, .edu, .net, .gov, .mil e .org), xunto coas territoriais (como .fr ou .es). No ano 2000 aparecen as extensión xenéricas patrocinadas (.aero, .biz, .coop, .name, .info e .museum). En 2005 chega o .cat, primeiro dominio do mundo para unha comunidade cultural e lingüística. Un ano despois, en 2006, ábrese o .eu para países da Unión Europea e, finalmente, en 2007, o .tel. A partir de aquí, ICANN decide abrir un proceso global para a posta en marcha de dominios no ano 2008, concretado nun regulamento de 2012. Nese ano, desde unha oficina de Santiago, nunha longa madrugada e logo de varios días de repasar cada liña e cada cifra da candidatura, un equipo de tres persoas asinou a proposta e deulle ao SUBMIT. Despois, meses de espera e nervios ata a comunicación oficial de que o dominio saira adiante.

Hoxe existen en internet máis de 1.200 dominios, que cambiaron por completo o panorama de internet. ICANN, que inicialmente puxo moitos reparos a este proceso, é agora o seu máximo defensor. De feito, estase a traballar na apertura dunha ventá para novos dominios, o que abrirá aínda máis as opcións para particulares, entidades e empresas, dándolle máis pluralidade á rede.

A posta de largo de PuntoGal fíxose o 16 de maio de 2014, día previo ao das Letras Galegas, nun acto na Cidade da Cultura co presidente da Xunta de Galicia. Alí lanzouse en directo a primeira páxina pública, dominio.gal, que hoxe segue sendo o sitio principal do rexistro galego. Despois, chegaron os pioneiros. Eran e son entidades que, ata un total de 93, apostaron por PuntoGal para as súas webs e que foron as primeiras que se presentaron nun evento celebrado no Museo do Pobo Galego.

Tres fases sucedéronse a continuación: Abrente -para marcas rexistradas, administracións públicas, entidades ou empresas que comunicaban en galego-, Carreira – para outras categorías especiais- e, finalmente, a fase aberta, na que calquera podía rexistrar un dominio. Esta última, a actual, activouse o 2 de decembro de 2014 nun acto na Escola de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Ese día culminouse a primeira parte do traballo, un éxito social colectivo, que hoxe se materializa en case sete mil dominios rexistrados.

E, agora, que? A xestión dun dominio é complexa. Se ben cara fóra é só a extensión que aparece a carón do nome da páxina, detrás hai implicacións serias de seguridade, de tipo técnico, regulamentario ou administrativo. Ese traballo é permanente, a esencia do funcionamento dun rexistro. Pero un dominio é moito máis. En primeiro lugar, a carta de presentación na rede de Galicia. PuntoGal é un activo do país na sociedade rede, un privilexio e unha responsabilidade. A súa función vai máis aló da xestión.

O dominio representa a Galicia nos foros internacionais de internet, na mesma mesa na que se sentan a industria ou os gobernos. Pero, ademais, a nivel interno, ten a responsabilidade, polos seus propios estatutos, de traballar a prol do idioma, da cultura, e do desenvolvemento tecnolóxico en Galicia. Iso vai no seu ADN. Por ese motivo, unha das súas principais liñas de actuación é o apoio a iniciativas en distintos ámbitos, que van desde a súa presenza no Padroado do Museo do Pobo Galego ata a súa integración no Nodo de ciberseguridade de Galicia, pasando polo patrocinio das seleccións galegas de fútbol gaélico.

Este 2023, PuntoGal puxo en marcha varios proxectos que van máis aló, porque supoñen o desenvolvemento propio de iniciativas estratéxicas para o dominio. Trátase da súa suite de ferramentas online e do Observatorio da Rede.

Omeu.gal aglutinará ferramentas útiles para a cidadanía baixo o paraugas do dominio e, sobre todo, do uso da rede en galego. A primeira aplicación é un sistema de correo electrónico gratuíto en galego. A plataforma, presentada no mes de setembro, xa está dispoñible en www.omeu.gal. En breve, contará cunha versión premium, de pagamento, con funcións adicionais. E máis adiante, outros produtos e servizos. A iniciativa realizouse en colaboración coa empresa lucense Raiola, especialista en desenvolvementos en software libre.

O segundo proxecto, tamén de longo percorrido, é o Observatorio de PuntoGal, que elaborará periodicamente informes sobre a rede en Galicia. Isto é posible pola posición de PuntoGal no sector, onde ten acceso non só aos seus propios datos, senón aos do resto dos operadores do mercado. Por exemplo, o rexistro asinou un convenio con Red.es para o intercambio de datos co dominio .es. O Observatorio, que funcionará coa marca Miradoiro, analizará cuestións como o uso dos idiomas na internet galega, a evolución do número de dominios, o uso dos CMS, as distribucións xeográficas por sectores, etc. A primeira edición do informe, para a que se contou coa colaboración da Deputación da Coruña, presentarase este 2023 e incluirá, ademais, colaboracións externas que analizan distintos aspectos como a ciberseguridade ou a presenza da muller no ámbito tecnolóxico.

Proxectos que axudan a ampliar o marco de internet en Galicia, en liña cos obxectivos do dominio e os seus dez anos a carón da industria da rede en galego.

 

Destacado: PuntoGal lanzará en 2023 o seu correo electrónico gratuíto en galego, omeu.gal, e o Observatorio da rede, Miradoiro, onde presentará periodicamente informes sobre a internet galega