A organización dos premios Spin-Off PuntoGal decidiu estender ata as 12:00 do vindeiro luns 27 de setembro o prazo de presentación de candidaturas para a quinta edición duns galardóns que recoñecen as iniciativas mais innovadoras xurdidas no ámbito das tres universidades públicas galegas. O Dominio PuntoGal e GCiencia organizan conxuntamente estes galardóns que premian a empresas e grupos de investigación .
A necesidade de ter máis tempo para completar a documentación necesaria –apuntada por algúns dos candidatos interesados en participar nos premios– levou á organización a realizar a extensión do prazo para as categorías Idea Emerxente (destinada a empresas innovadoras) e Grupos de Investigación.
Os premios recoñecen a labor desenvolvida polas empresas e os grupos de investigación das universidades galegas en tres apartados diferentes. O principal obxectivo é premiar a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios. A Secretaria Xeral de Universidades da Xunta e Gadis colaboran un ano máis nestes galardóns.
No apartado Selo de Calidade recoñécese á empresa galega que teña consolidado ao longo do tempo una traxectoria empresarial de prestixio. Nas anteriores edicións dos premios foron distinguidas neste apartado compañías coma Imatia, Galchimia Innolact e Orballo, que foi a gañadora en 2020.
As empresas que irrompesen nos últimos meses no mercado cunha idea ou proxecto de marcado carácter innovador serán recoñecidas no apartado Idea Emerxente. O ano pasado a gañadora neste apartado foi a empresa de realidade virtual Psico VR e noutras edicións obtiveron o galardón compañías como Situm, All Genetics e HG Beyond.
Por segunda vez os galardóns contarán cunha categoría que recoñecerá o traballo dun grupo de investigación dependente dalgunha das tres universidades galegas. Para a concesión deste premio, o xurado terá en conta aspectos coma as innovacións obtidas, os proxectos emprendidos, as publicacións realizadas e o grao de colaboración con empresas. O ano pasado o gañador foi o grupo Varpa, vinculado á Universidade da Coruña.
Candidaturas
As empresas e grupos de investigación interesados en participar nestas dúas últimas categorías poderán enviar a súa candidatura á dirección de correo electrónico spinoff@dominio.gal, ou ben no formulario dispoñible na seguinte ligazón: https://i.gal/spinoffV.
Xa que os premios teñen como obxectivo o recoñecemento do papel das universidades como motor da investigación no país, o xurado terá en conta na súa valoración cuestións como as patentes rexistradas, os artigos publicados en revistas de prestixio ou a participación en proxectos multidisciplinares de I+D+i. Ademais, salientaranse proxectos liderados por mulleres ou equipos onde a presenza da muller sexa relevante tanto en número coma en xerarquía, así como o uso do galego na comunicación interna e externa do grupo ou a empresa.
O xurado
O xurado está integrado por investigadores de prestixio e por representantes do mundo universitario, institucional e empresarial. A bióloga e divulgadora científica Andrea Muras incorporouse ao xurado nesta edición e tamén forman parte do mesmo as investigadoras Edita de Lorenzo e Sonia Martínez Arca, a CEO da empresa Galchimia, Carme Pampín, e o xefe de servizo de Planificación e Estruturación da Investigación na Xunta de Galicia, Faustino Infante Roura.
Os finalistas e gañadores nas distintas categorías se darán a coñecer antes do 30 de outubro e o acto de entrega de premios celebrárase no último trimestre de 2021. As bases dos premios están publicadas e pódense consultar nesta ligazón (https://i.gal/bas) e na páxina web de PuntoGal.
Dominio PuntoGal
PuntoGal, con máis de 6.000 dominios rexistrados, asóciase con GCiencia como co-organizador e patrocinador principal destes galardóns, no marco do seu programa corporativo de apoio a iniciativas de interese para Galicia. O obxectivo do dominio é recoñecer o traballo realizado nas universidades públicas galegas no ámbito da investigación e a innovación, así como a súa aportación ao tecido económico do país.
GCiencia é un xornal dixital envorcado ao fomento do coñecemento científico e tecnolóxico entre un público xeralista. Con ata 5,5 millóns de visitas e 400.000 visitantes únicos mensuais, reúne a unha comunidade de case 100.000 persoas en redes sociais. O proxecto conta con numerosos galardóns, entre eles o Prismas 2019 ao Mellor Novo Medio, o galardón máis prestixioso á divulgación científica de España, e o Premio da Crítica de Galicia 2020.