Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2024 | Un grupo de estudantes do CIFP Leixa, de Ferrol, visitou esta mañá o Museo do Pobo Galego para recoller documentación e inspiración para un concurso en que se premiará a reinterpretación do traxe galego tradicional. O grupo estivo acompañado por profesorado e membros do equipo directivo do centro, así como polo Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.
O concurso de deseño propón a creación dunha serie de bonecas de papel nas que se reimaxinen as pezas máis emblemáticas da vestimenta tradicional, adaptadas ao mundo actual e tendo en conta os cambios en materiais, expectativas e roles sociais das últimas décadas. Os modelos premiados serán producidos de xeito industrial e distribuídos no Museo do Pobo Galego.
A visita foi conducida por Belén Sáenz-Chas, responsable da colección, e buscou familiarizar os concursantes cos diferentes elementos de vestiario, a través de pezas expostas nas salas do museo e doutras que forman parte do arquivo e que normalmente non son accesibles para os visitantes.
O concurso resolverase no mes de maio e a produción dos materiais impresos terá lugar antes do verán.
Sobre o CIFP Leixa
O Centro Integrado de Formación Profesional Leixa, localizado na cidade de Ferrol, no barrio de San Pedro de Leixa, ofrece ciclos formativos das familias profesionais de Artes Gráficas, Sanidade e Servizos socioculturais. O centro impulsa actividades orientadas ao fomento da innovación mediante a participación en proxectos de colaboración cos sectores educativos e produtivos, de xeito multidisciplinar, e mediante a mellora formativa do profesorado e dos estudantes, promovendo a transferencia do coñecemento mutuo.
Sobre o Museo do Pobo Galego
A Asociación Padroado do Museo do Pobo Galego ten como obxectivos investigar, conservar, divulgar e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos e, concretamente, crear e manter un museo ao servizo destes obxectivos. Está instalado no antigo convento de San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela). As actividades da institución teñen tres vertentes fundamentais: as salas permanentes, as exposicións temporais e o labor de investigación a través de publicacións científicas e divulgativas, congresos, cursos e seminarios.
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día hoxe hai máis de 7000 dominios .gal rexistrados.