Proxectos

PuntoGal patrocinou a WordCamp de Vigo

A Coruña, 27 de maio de 2024– Desde o pasado venres 24 de maio ata o domingo 26, PuntoGal estivo patrocinando un dos eventos organizados pola comunidade de WordPress, que tivo lugar no Palacio de Congresos Mar de Vigo.

Entre as actividades que se desenvolveron durante a WordCamp houbo obradoiros de creación de páxinas web para varias ONGs de Vigo, cun obxectivo tanto social como laboral, ponencias sobre temas tan variados como a ciberseguridade, comercio electrónico, industria musical, soporte, código aberto ou facturación electrónica, entre outros.

PuntoGal tivo presenza de marca na zona de recepción do auditorio e ademais ofreceu unha forte rebaixa nas altas de dominios para os asistentes ao evento, que se puido conseguir na mesa de patrocinadores.

Sobre PuntoGal

PuntoGal, a entidade xestora do dominio galego desde 2014, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe conta con máis de 7.000 dominios rexistrados.

Máis información en dominio.gal

Sobre WordCamp

Os WordCamps son conferencias informais e organizadas localmente que cobren todo o relacionado con WordPress, o software de publicación persoal libre e de código aberto que impulsa máis do 40% da web. Pódense celebrar en diferentes formatos, baseados nas comunidades locais que os producen, pero en xeral inclúen sesións sobre como usar WordPress de forma máis eficaz, desenvolvemento inicial de plugins e temas, técnicas avanzadas, seguridade, etc

Máis información en vigo.wordcamp.org