A Coruña, 24 de maio de 2024– Desde este venres 24 de maio ata o próximo domingo 26, PuntoGal estará patrocinando un dos eventos organizados pola comunidade de WordPress, que terá lugar no Palacio de Congresos Mar de Vigo.
Entre as actividades que se desenvolveran durante a WordCamp haberá obradoiros de creación de páxinas web para varias ONGs de Vigo, cun obxectivo tanto social como laboral, ponencias sobre temas tan variados como a ciberseguridade, comercio electrónico, industria musical, soporte, código aberto ou facturación electrónica, entre outros.
PuntoGal terá presenza de marca na zona de recepción do auditorio e ademais ofrecerá unha forte rebaixa nas altas de dominios para os asistentes ao evento, que se poderán conseguir na mesa de patrocinadores.
Sobre PuntoGal
PuntoGal, a entidade xestora do dominio galego desde 2014, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe conta con máis de 7.000 dominios rexistrados.
Máis información en dominio.gal
Sobre WordCamp
Os WordCamps son conferencias informais e organizadas localmente que cobren todo o relacionado con WordPress, o software de publicación persoal libre e de código aberto que impulsa máis do 40% da web. Pódense celebrar en diferentes formatos, baseados nas comunidades locais que os producen, pero en xeral inclúen sesións sobre como usar WordPress de forma máis eficaz, desenvolvemento inicial de plugins e temas, técnicas avanzadas, seguridade, etc
Máis información en vigo.wordcamp.org