Novas
PuntoGal patrocina a nova axenda cultural de Nós Diario
PuntoGal e Nós Diario asinaron un convenio de colaboración para o patrocinio da nova sección de axenda cultural do xornal, onde se incorporan de forma diaria os eventos de maior interese que terán lugar cada semana en toda a xeografía galega.
A axenda pode consultarse xa na portada da edición en liña do diario (nosdiario.gal), e nela pódese facer unha navegación polos distintos actos recollidos pola redacción do xornal, que inclúen música, cinema, libros, exposicións, teatro ou banda deseñada, entre moitos outros eventos culturais.
A colaboración prolongarase durante todo o ano 2025 e forma parte do programa corporativo do dominio de dar soporte a iniciativas no ámbito da cultura, a lingua ou as TIC en Galicia e en galego.
Sobre Nós Diario
Nós Diario é o único diario impreso en lingua galega. Editado por Sermos Galiza S.A., naceu en xaneiro de 2020 co obxectivo de cubrir un baleiro informativo en Galicia e apostar por un xornalismo rigoroso, plural e con perspectiva de país. Publícase na versión en papel de martes a sábados, cando vén acompañado do semanario cultural Sermos Galiza, e mantén a súa edición dixital (nosdiario.gal) actualizada os 365 días do ano. Na actualidade Sermos Galiza S.A. edita tamén Xeración Alfa, a única revista en galego dirixida á mocidade.
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do domino galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.300 dominios .gal rexistrados.