PuntoGal lanza a súa nova web, asociacion.gal, na que pon en primeiro termo o seu programa corporativo de apoio a proxectos nos ámbitos da cultura, a lingua ou a tecnoloxía. A páxina, que complementa ao que xa se ofrece en dominio.gal, salienta a colaboración do dominio en actividades como o concurso de microrrelatos (coa RAG e Luzes), os premios SpinOff PuntoGal para proxectos empresariais e innovadores saídos das universidades públicas galegas (con GCiencia), o patrocinio das seleccións galegas de fútbol gaélico, ou o traballo que facemos co Cluster da Comunicación de Galicia, especialmente nos premios Paraugas. Ademais, habilitouse un punto de contacto para que calquera entidades poida poñerse en contacto co dominio para facernos chegar a súa idea.
A páxina salienta, polo demais, a historia do dominio desde que iniciou a súa andaina no ano 2006 ata hoxe, repasando os momentos máis importantes do proceso de obtención dun dominio propio para Galicia. Dedicáselle tamén un lugar relevante as entidades socias de PuntoGal e aos pioneiros, que apostaron polo dominio cando só era un xermolo.
As novas, a axenda ou os documentos son outras das seccións da páxina, na que se renovou por completo o seu aspecto e se mellorou a navegabilidade, especialmente en dispositivos móbiles.
Agardamos que atopedes nesta nova web todo o preciso para vos manter ao día do que pasa en PuntoGal. E se tedes algunha suxestión ou petición, lembrade que sempre podedes contactar con nós en info@dominio.gal.
Ah, e feliz día de Galicia