Novas, Novas de interese

PuntoGal e Obradoiro Dixital Galego asinan un convenio de colaboración

7 de febreiro de 2023 I Os presidentes da PuntoGal, Manuel González González e da Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego, Francisco Bermúdez Prieto, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal o Obradoiro Dixital Galego se compromete a dar cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal para promover a utilización do dominio a través dos seus órganos de expresión. Ademais, e grazas a este acordo, os socios de Obradoiro Dixital Galego poderán obter un dominio .gal a prezos reducidos. A sinatura realizouse de xeito telemático.

PuntoGal e o Obradoiro Dixital Galego

PuntoGal, que supera seis mil oitocentos dominios, vai continuar a promover convenios coma este, “acompañando ás iniciativas que, coma esta, facilitan e promoven a creación de contidos en galego, e que aportan á rede unha visión da diversidade e riqueza da creación na nosa lingua”, en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro.

Para Janeiro “as alianzas son sempre un xeito de incrementar o valor e a relevancia das iniciativas de comunicación, nun momento en que parece que a predominancia é das plataformas e non dos creadores ou dos comunicadores”.

A Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego, aglutina ás comunidades creativas podgalego, Twitch en galego e YouTube en galego, un sector plural en continuo crecemento que ten a capacidade de promover a divulgación e a normalización da lingua a través das novas tecnoloxías.

Pola súa banda, Francisco Bermúdez Prieto quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que “busca constituirse en comunidade e punto de encontro de todas as persoas creadoras de contido en galego nos ámbitos das comunidades de podgalego, YouTube en Galego e Twitch en galego e todas aquelas similares que puideran xurdir no futuro”.

O convenio entrambas entidades inclúe a posibilidade de que as asociadas e asociados do obradoiro poidan mercar un dominio .gal ao prezo reducido de 13 euros máis IVE. Para facer efectiva a oferta, terán que utilizar códigos promocionais a través dos rexistradores que colaboran na promoción, Dinahosting e Entorno Digital.