O presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González González e o Project Manager de UVigo SpaceLab, Manuel Diz, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal o UVigo SpaceLab se compromete a dar cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal para promover a utilización do dominio a través dos seus órganos de expresión. Ademais, e grazas a este acordo, o laboratorio contará cun dominio propio na rede. A sinatura realizouse de xeito telemático.
PuntoGal e o UVigo SpaceLab
PuntoGal vai continuar a promover convenios “con entidades nas que a investigación e o desenvolvemento son capaces de crear riqueza e ilusión por viaxar ata lugares insospeitados e que nos axudan a poñer o noso futuro nunha perspectiva nova e esperanzadora”, en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro.
En palabras de Janeiro “visibilizar na rede as posibilidades e os logros das Universidades galegas é un paso necesario para divulgar e prestixiar a ciencia como un ben común e necesario nunha sociedade moderna”.
Pola súa banda, Manuel Diz comentou que “un proxecto como o UVigo SpaceLab non tería sentido sen o apoio das institucións, empresas e asociacións como PuntoGal, conseguindo así xerar tecido aeroespacial dentro de Galicia dende un punto de vista educacional, e ofrecendo una formación complementaria a que están actualmente recibindo os alumnos na Universidade”.
A asociación estudantil UVigo SpaceLab comezou a súa andadura en novembro do ano 2020 buscando realizar misións espaciais centradas no deseño, fabricación e validación de pequenos satélites. No 2020 tiveron a oportunidade de presentar á Axencia Espacial Europea a súa proposta OLLO (Open Little Luminary Observatory), un CubeSat de 3U para participar nun taller formativo de enxeñaría concurrente. OLLO é un pequeno telescopio para observación do espazo de acceso aberto, para que calquera persoa que queira realizar observacións en órbita poida facelo de forma gratuíta e así acercar a astronomía ao público en xeral.
PuntoGal é a asociación que xestiona os dominios .gal. É unha entidade sen ánimo de lucro que naceu no 2006, rexistrou o seu primeiro dominio no 2014 e hoxe xa conta con máis de 5700 dominios activos. Agrupa a máis de 110 entidades galegas e entre os seus obxectivos está o fomento das novas tecnoloxías, a alfabetización dixital e o uso da lingua na rede.