Novas, Novas de interese

PuntoGal e o alumnado do CIFP Leixa homenaxean a Rosalía de Castro coa distribución de 2.500 marcapáxinas

Ferrol, 8 de xuño de 2022.- PuntoGal, o dominio galego en internet, presentou hoxe en Ferrol o resultado do concurso Deseña a Rosalía, unha actividade desenvolvida entre os estudantes do CIFP Leixa de Ferrol co obxectivo de crear distintos modelos de marcapáxinas arredor da figura da escritora de Padrón. A iniciativa inclúe a distribución de máis de 2.500 exemplares dos deseños gañadores aos visitantes da Casa Museo Rosalía de Castro durante o verán. O proxecto conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Os estudantes do CIFP presentaron as súas propostas, desenvolvidas na clase durante as últimas semanas, das que o profesorado do centro e PuntoGal seleccionaron cinco modelos finalistas. As 2.500 copias que se distribuirán na Casa de Rosalía  incluirán tamén un código que permite obter un dominio .GAL por só 13€+IVE.  Desta maneira, únese nunha mesma acción a promoción da figura de Rosalía, a lectura en galego e internet, fórmula elixida polos organizadores para celebrar este certame. Os marcapáxinas entregaranse a partir do mes de xuño de forma gratuíta aos visitantes do museo. Os códigos poden validarse en calquera das dúas empresas rexistradoras que participan na promoción: Dinahosting e Entorno Digital.

A directora do CIFP Leixa, Ana Roel, quen fixo de anfitriona do acto, aproveitou a ocasión para agradecer a confianza depositada no labor do seu profesorado e alumnado, xa que “iniciativas coma esta, de grande difusión e prestixio, permiten a realización nas aulas de traballos reais e motivadores que, ademais, poñen en valor a calidade das ensinanzas de Formación Profesional”. Así mesmo valorou o esforzo das entidades convocantes polos premios entregados ás persoas galardoadas e polo recoñecemento meritorio para o seu currículo que teñen actividades como esta.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou ” a importancia que para a mocidade debe ter a combinación das tecnoloxías co coñecemento dos clásicos da nosa cultura como é Rosalía de Castro grazas á alianza do CIFP Leixa co dominio PuntoGal” e animou á cidadanía a “usar ese novos marcapáxinas que entrarán agora en circulación nalgunha nova lectura de entre todas as posibilidades que nos ofrece a literatura en lingua galega”

O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, amosou a súa satisfacción pola celebración da segunda edición deste concurso, “no que Rosalía é protagonista dos proxectos de deseño dos alumnos e alumnas do centro, que poñen a súa técnica e creatividade ao servizo dun maior coñecemento e divulgación da nosa escritora máis universal”. Tamén destacou a importancia de que o dominio se involucre en proxectos en centros educativos, neste caso en Ferrol, xa que é aí onde están “as e os falantes de galego do futuro, pero tamén os usuarios das novas tecnoloxías, determinantes para a supervivencia do idioma”. Finalmente, o director xeral do dominio felicitou aos autores dos marcapáxinas e lembrou que, grazas á colaboración da Casa de Rosalía e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, poderán entregarse “durante o verán os visitantes do museo en Padrón, de forma gratuíta, e incluíndo un código de desconto para obter o dominio a un prezo moi atractivo”.

O presidente do Padroado da Casa de Rosalía, Anxo Angueira, afirmou que “a Casa de Rosalía está ó servizo de proxectos coma este, no que se xuntan a creatividade escolar, a difusión na rede da identidade galega e a proxección da figura de Rosalía, todo un emblema que representa a Galicia no mundo e que sempre foi reivindicado pola mocidade”.

A Casa de Rosalía (www.rosalia.gal), xestionada polo Patronato Rosalía de Castro, é a casa onde Rosalía de Castro viviu os derradeiros anos da súa vida. O museo propón un percorrido polos acontecementos que marcaron a súa vida e obra.

Os cinco marcapáxinas seleccionados, que poderán descargarse tamén da páxina de PuntoGal (asociacion.gal), son da autoría de Mercedes Calvo, Andrea Santiso, Elisabet Souto, Alejandro Fidalgo e Estefanía Sánchez. Os gañadores do certame recibiron un diploma e distintos premios tecnolóxicos.

PuntoGal xestiona os dominios .gal. É unha entidade sen ánimo de lucro que naceu no 2006, rexistrou o seu primeiro dominio no 2014 e hoxe xa conta con máis de 6400 dominios activos. Agrupa a máis de 110 entidades galegas e entre os seus obxectivos está o fomento das novas tecnoloxías, a alfabetización dixital e o uso da lingua na rede.