Novas, Novas de interese, Proxectos

PuntoGal asina un convenio de patrocinio co Museo do videoxogo de Galicia (MUVI)

O presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González González e o representante da Fundación do Museo do videoxaogo, Galo Alberto Martínez Nieto, asinaron un convenio de patrocinio mediante o cal PuntoGal fai unha aportación económica para o funcionamento do MUVI e as actividades que desenvolve.  O MUVI, pola súa parte, se compromete a dar cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal para promover a utilización do dominio a través dos seus órganos de expresión. A sinatura realizouse de xeito telemático, dada a situación de confinamento provocada pola crise do Covid-19.

PuntoGal e o MUVI

PuntoGal, que supera os cinco mil novecentos dominios rexistrados, “quere promover o establecemento de colaboracións coma esta, que axuda a dar a coñecer novas formas de cultura, narrativa e relacións nas redes e que teñen máis presenza nas nosas vidas da que se traduce nos medios de comunicación xeralistas’, en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro.

Para Janeiro “os vídeoxogos son unha forma de cultura, entretemento e un grande negocio no que a nosa lingua e a nosa cultura non debe quedar atrás. “.

Pola súa banda, os Fundadores Galo e Jacobo Martínez valoraron que “O apoio de Puntogal supón para a Fundación MUVI o primeiro respaldo a través dun patrocinio dunha entidade cultural galega que comparte visión e obxectivos connosco. Xuntos traballaremos por divulgar e concienciar sobre a importancia da preservación da cultura a través da ferramenta que a Fundación mellor coñece: os videoxogos. Esta alianza estratéxica nos permitirá desenvolver novas e emocionantes actividades que chegarán durante o presente 2021.”

Convenio co Cluster TIC

Nas pasadas semanas PuntoGal tamén asinou un convenio de colaboración co Clúster TIC, que inclúe a posibilidade de que as asociadas e asociados do Clúster poidan mercar un dominio .gal ao prezo reducido de 13 euros máis IVE. Para facer efectiva a oferta, terán que utilizar códigos promocionais a través dos rexistradores que colaboran na promoción, Dinahosting e Entorno Digital.