Novas

Empresas e grupos de investigación poden presentar candidaturas para os Premios Spin-Off PuntoGal ata o 15 de setembro

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2022.- Os premios Spin-Off PuntoGal, que distinguen ás empresas e grupos de investigación máis innovadores, teñen aberto o prazo de presentación e candidaturas ata o próximo 15 de setembro. Os interesados poden presentarse aos mesmos a través do seguinte formulario: i.gal/so22 ou a través do email spinoff@dominio.gal.

O dominio PuntoGal e GCiencia organizan uns galardóns no que colaboran a Secretaria Xeral de Universidades da Xunta e Gadis. Os premios contan con tres apartados diferentes (Selo de Calidade, Idea Emerxente e Grupos de investigación) para recoñecer o traballo tanto das empresas innovadoras xa máis consolidadas, como ás que están dando os primeiros pasos e aos grupos de investigación con traballos especialmente destacados.

Entre os obxectivos dos premios figuran recoñecer a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios.

No apartado Selo de Calidade recoñecese á empresa galega que teña consolidado ao longo do tempo una traxectoria empresarial de prestixio. Nas anteriores edicións dos premios foron distinguidas neste apartado compañías tan prestixiosas coma Imatia, Galchimia, Innolact ou Mestrelab que foi a gañadora en 2021.

As empresas que irrompesen nos últimos meses no mercado cunha idea ou proxecto de marcado carácter innovador serán galardoadas no apartado Idea Emerxente. O ano pasado a gañadora foi Alice Biometrics e noutras edicións obtiveron o galardón outras compañías que destacan polas achegas innovadoras como Situm, All Genetics e Psico VR.

Os premios contan tamén cunha categoría que recoñece o traballo dun grupo de investigación dependente dalgunha das tres universidades galegas. Para a concesión deste premio, o xurado terá en conta aspectos coma as innovacións obtidas, os proxectos emprendidos, as publicacións realizadas e o grao de colaboración con empresas. O ano pasado a candidatura gañadora foi a do grupo Laboratorio de Bases de Datos, vinculado á Universidade da Coruña.

 

XURADO DE PRESTIXIO

Na sua VI edición os premios Spin-off PuntoGal volverán contar cun xurado de prestixio no que destaca a presenza de investigadoras e responsables de compañías vinculadas coa ciencia.

María Xosé Rodríguez Malmierca, que nesta edición volve formar parte do xurado destes premios, é doutora en Filosofía e coordinadora da Area de E-learning e Colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Carme Pampín é unha das fundadoras e actual CEO da empresa Galchimia, referente internacional en química orgánica.

Edita de Lorenzo é profesora na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e autora de numerosas publicacións científicas.

Andrea Muras é divulgadora científica e conta con másters en Biotecnoloxía e Cultura Científica.

Pola súa banda, Sonia Martínez Arca liderou a posta en marcha de Axencia de Coñecemento en Saúde (Acis) e actualmente é a CEO da empresa bioquímica Celtarys.

Faustino Infante Roura é funcionario do Corpo Superior Facultativo de Arqueólogos da Xunta e Xefe de Servizo de Planificación e Estruturación da investigación na administración galega.

O xurado realizará as súas deliberacións tralo peche do período de recepción de candidaturas e os gañadores nas distintas candidaturas se darán a coñecer a finais de outubro. O acto de entrega dos galardóns celebrárase antes do final de ano nunha das principais cidades galegas.

A evolución das distintas fases do Premio iranse detallando no microsite talentodegalicia.gal , un portal creado por GCiencia para dar a coñecer as novidades no mundo da innovación. As bases dos premios están publicadas e pódense consultar nas webs de PuntoGal e GCiencia así como nesta ligazón: i.gal/bso22