Padrón, 21 de xullo 2022.- PuntoGal, o dominio galego en internet, fixo hoxe entrega en Padrón dos 2.500 marcapaxinas impresos dos cinco deseños gañadores do concurso Deseña a Rosalía, unha actividade desenvolvida entre os estudantes do CIFP Leixa de Ferrol co obxectivo de crear distintos modelos de marcapáxinas arredor da figura da escritora de Padrón. O proxecto contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Os marcapáxinas inclúen tamén un código que permite obter un dominio .GAL por só 13€+IVE. Desta maneira, únese nunha mesma acción a promoción da figura de Rosalía, a lectura en galego e internet, fórmula elixida polos organizadores para celebrar este certame. Os códigos poden validarse en calquera das dúas empresas rexistradoras que participan na promoción: Dinahosting e Entorno Digital.
Na foto de familia que tivo lugar na Casa de Rosalía (Casa da Matanza) acudiron como anfitrión, o presidente do Padroado da Casa de Rosalía, Anxo Angueira, a directora do CIFP Leixa, Ana Roel e a secretaria de PuntoGal, Edita de Lorenzo.
A Casa de Rosalía (www.rosalia.gal), xestionada polo Patronato Rosalía de Castro, é a casa onde Rosalía de Castro viviu os derradeiros anos da súa vida. O museo propón un percorrido polos acontecementos que marcaron a súa vida e obra.
Os cinco marcapáxinas seleccionados, que poden descargarse tamén da páxina de PuntoGal (asociacion.gal), son da autoría de Mercedes Calvo, Andrea Santiso, Elisabet Souto, Alejandro Fidalgo e Estefanía Sánchez.
PuntoGal xestiona os dominios .gal. É unha entidade sen ánimo de lucro que naceu no 2006, rexistrou o seu primeiro dominio no 2014 e hoxe xa conta con máis de 6500 dominios activos. Agrupa a máis de 110 entidades galegas e entre os seus obxectivos está o fomento das novas tecnoloxías, a alfabetización dixital e o uso da lingua na rede.