Novas, Novas de interese

PuntoGal apoia a divulgación científica en galego en Twitch mediante un convenio con Balea Vermella

A nova temporada dos directos en Twitch de Balea Vermella contará co apoio de PuntoGal. O dominio asinou un convenio de colaboración para patrocinar os directos que semanalmente realizan Javier Balea e Iria Veiga arredor da divulgación científica en galego. O programa, que tamén se pode desfrutar desde YouTube e iVoox, ten xa seis meses de vida e nel xa se trataron temas como a emerxencia climática, as superbacterias ou a observación astronómica. Os directos poden seguirse desde twitch.tv/baleavermella.

Na nova temporada, Balea Vermella quere continuar coa fórmula da anterior e seguir conversando con figuras destacadas da investigación e da divulgación no noso país, tamén como novidade haberá seccións sobre diferentes temáticas nas que participarán varios divulgadores que terán un espazo como colaboradores do directo. A este respecto, Javier Balea, un dos creadores do formato, sinala que unha das ideas principais tamén será seguir creando sinerxías coas compañeiras de «Ecos de Xigantes» e «Ciencia e tal» para que a divulgación da ciencia en galego no Twitch medre cada vez máis.

PuntoGal engloba esta colaboración dentro do seu programa corporativo de apoio a iniciativas do ámbito da lingua, a cultura ou a tecnoloxía, na que tamén figuran o premio Spin-Off PuntoGal, o apoio ao podcast Café Derby, a colaboración con Vinte en temas de internet ou certame de microrrelatos coa RAG, entre outras actividades.

O director xeral do dominio, Darío Janeiro, afirma que estas accións “forman parte do ADN de PuntoGal. No ámbito das nosas posibilidades, PuntoGal apoia proxectos de moi distinto tipo pero que teñen un denominador común: a súa aportación á comunidade e o uso normalizador do idioma”. Nese sentido, “Balea Vermella cumpre non só con eses obxectivos, senón que tamén favorece o coñecemento científico e emprega novas plataformas de contido onde é moi necesaria a presencia do noso idioma”.

PuntoGal (www.dominio.gal) é a entidade que xestiona o dominio de internet .gal. A día de hoxe, conta máis de 6.000 dominios rexistrados entre empresas, institucións, entidades sociais e particulares.