O día 24 de febreiro celébrase o 184 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e a Fundación Rosalía de Castro, rosalia.gal, ten previsto realizar varias actividades online, esta ano co nome de “Día de Rosalía na Casa”. A Fundación é unha organización de interese galego coa finalidade de fomentar e difundir o culto á memoria de Rosalía, Manuel Murguía e os seus fillos, con sede na Casa da Matanza, en Padrón. A institución que leva o nome da autora de Follas Novas, que ten máis de 70 anos, fundouse como Padroado en 1947 e transformouse en Fundación Rosalía de Castro en decembro de 1995.
Rosalía de Castro é considerada algo máis que unha escritora, é un referente para tódolos galegos. Foi autora de textos en prosa e en verso, tanto en galego como en castelán, así como unha grande defensora dos dereitos das mulleres e cun destacado pensamento político e social.
Entre os diferentes actos que teñen previstos para o día 24, que non serán públicos polas restricións derivadas da Covid 19 están os seguintes:
09.30 Plantación dunha filla da Figueira de Rosalía no Parlamento de Galicia e acto institucional [non aberto ao público por mor das restricións da Covid]
11.30 Acto institucional e ofrenda floral na Praza de Vigo, no lugar onde naceu Rosalía. [non aberto ao público por mor das restricións da Covid]
13.00 Ofrenda floral na estatua do Espolón de Padrón [non aberto ao público por mor das restricións da Covid]
NA REDE / NA TÚA CASA
- Caldo de Gloria: faino na túa casa. Dicímosche como.
- Alborada para Rosalía: únete á alborada que organiza con nós a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s.
- Que non és de caldo nin de música? Le a Rosalía, cántaa, lémbraa. E cóntallo ao mundo nas redes sociais co cancelo #DíadeRosalía
Este ano queren conmemorar o día lembrando o poema “Miña casiña, meu lar” de Follas Novas, onde unha muller pobre conta como sobrevivir. No poema fala do caldo de gloria, por iso a Fundación convídanos a todos a facelo na nosa casa, seguindo as instrucións que no poema dá Rosalía, consultando a receita de Picadillo ou seguindo os consellos de Lucía Freitas, a súa cociñeira invitada deste ano.