Novas, Novas de interese

A Facultade de Económicas da UVigo acolle o martes 15 a entrega dos VI Premios Spin-Off PuntoGal

O salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo será o escenario o vindeiro martes, 15 de novembro ás 12:00 horas do acto de entrega da sexta edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, convocados por GCiencia. Autoridades institucionais e representantes do mundo empresarial e da universidade teñen anunciada a súa asistencia a un acto que servirá para distinguir os proxectos máis innovadores do panorama empresarial e universitario galego. 

A spin-off da Universidade da Coruña (UDC) Indestia (Idea Emerxente), a histórica marca Casa Grande de Xanceda (Selo de Calidade) e o grupo Sistemas Informáticos de Nueva Generación SING (Grupos de Investigación) recollerán os seus galardóns como gañadores nas tres categorías dos premios e a empresa Diversa recibirá a distinción como finalista no apartado de Idea Emerxente. Os premiados recibirán diplomas acreditativos, unha peza escultórica de deseño exclusivo e subscricións ao dominio PuntoGal.

O elevado nivel das propostas presentadas foi un dos factores destacados polo xurado nesta nova edición dos premios creados en 2015 e que patrocina Dominio PuntoGal, e que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta e da empresa Gadis.  

Alentar o emprendemento

Entre os obxectivos desta iniciativa figuran recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xorde desde os grupos de investigación universitarios. Estes factores foron tidos en conta polo xurado que tamén avaliou aspectos como a capacidade de internacionalización dos proxectos presentados e a participación da muller nestas iniciativas.  

O xurado acordou por unanimidade a concesión de cada un dos premios aínda que houbo un longo debate en cada categoría. Entre os obxectivos do certame figuran recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xorde desde os grupos de investigación universitarios, así como premiar o uso de galego na empresa e a presenza das mulleres nas empresas e grupos de investigación.   

Na categoría de Idea Emerxente, que distingue as empresas de recente creación ou que levaran ao mercado unha idea innovadora en tempos recentes, foi elixida como gañadora a spin-off da UDC Indestia. O xurado destacou a posta en marcha dunha idea orixinal dentro do sector das TIC e conseguir clientes importantes para o seu producto PhotoIlike, unha ferramenta baseada na inteligencia artificial que permite seleccionar as fotos que van ter maior impacto entre o público, con aplicación polo de agora ao sector inmobiliario.  

Ademais, acordouse conceder a distinción de finalista nesta categoría a Diversa, unha empresa recentemente posta en marcha por investigadores do IDIS de Santiago e que aposta pola comercialización de nanomedicamentos, cunha forte compoñente de I+D na súa base.    

Na categoría Selo de Calidade o xurado elixiu como gañadora a Casa Grande de Xanceda pola súa traxectoria de case medio século no rural galego e o seu compromiso co medio ambiente, o coidado dos animais e diversas causas sociais, entre elas o seu traballo para dar visibilidade ao papel da muller no rural. Ademais destacouse a calidade dos seus produtos que contan cun selo ecolóxico e que poden atoparse en moitos puntos de España.  

Investigación biomédica e ciberseguridade

Finalmente, na categoría de Grupos de Investigación resultou gañadora a candidatura do grupo SING, adscrito á UVigo, que desenvolve a súa actividade no campus de Ourense. O xurado destacou como méritos da súa proposta a sólida traxectoria no campo da investigación biomédica e a ciberseguridade, con proxectos destacados mesmo no ámbito estatal. Ademais, tívose en conta a importante presenza de mulleres entre o seu corpo de investigadores.   

Os integrantes do xurado foron as investigadoras María Xosé Malmierca, Edita de Lorenzo, Andrea Muras e Sonia Martínez Arca, o representante da Secretaría Xeral de Universidades, Faustino Infante Roura, e a CEO da empresa Galchimia, Carme Pampín.   

En anteriores edicións destes galardóns xa foron premiadas empresas consolidadas e de longa traxectoria como Innolact ou Mestrelab, xunto a outras que se distinguiron por achegar innovacións importantes ao tecido empresarial galego como Situm ou All Genetics. En 2021 os gañadores foron o grupo Laboratorio de Bases de Datos (Grupos de Investigación), Alice Biometrics (Idea Emerxente) e Mestrelab (Selo de Calidade).