Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2022.- O presidente de PuntoGal, Manuel González, e o responsable da Folkoteca Galega, Julio Jesús León Pérez, renovaron o covenio de colaboración polo que o dominio seguirá apoiando a este proxecto de dixitalización da música tradicional galega.
A acción enmárcase na colaboración institucional de PuntoGal con entidades que manteñen proxectos no ámbito da lingua, a cultura ou a tecnoloxía en Galicia. Neste caso, a Folkoteca Galega é un proxecto sen ánimo de lucro para recoller, clasificar, dixitalizar, difundir e espallar a música tradicional galega a través da web. O seu obxectivo fundacional é fornecer acceso a recursos deste tipo de música a todos os interesados en coñecela, aprendela ou usala no ámbito didáctico.
A páxina emprega o dominio folkotecagalega.gal, desde onde segue non só a recoller as cantigas tradicionais nas súas diferentes formas, senón tamén a reproducir as súas partituras.
PuntoGal engloba esta colaboración dentro do seu programa corporativo de apoio a iniciativas do ámbito da lingua, a cultura ou a tecnoloxía, na que tamén figuran o premio Spin-Off PuntoGal, a colaboración con Vinte en temas de internet ou certame de microrrelatos coa RAG, entre outras actividades.
PuntoGal (www.dominio.gal) é a entidade que xestiona o dominio de internet .gal. A día de hoxe, conta máis de 6.600 dominios rexistrados entre empresas, institucións, entidades sociais e particulares.