As orixes
Galicia ten un dominio propio en internet. O .GAL identíficanos como comunidade nun mundo global, visibilízanos, xera oportunidades, danos voz na rede. Pero, onde empezou todo isto?
Ás veces teñen que darse determinadas circunstancias para que persoas de distintos ámbitos profesionais poñan en común as súas inquedanzas e naza un proxecto de país como este. Pouco despois de que Cataluña obtivese o seu dominio, o .cat, que se soubo xestionar con éxito e axudou a abrir as portas en ICANN a outro modelo de rexistros máis amplo, foise madurando a idea de que Galicia tamén podería ter un dominio propio.
No ámbito da internet galega xa se falaba de distintas posibilidades a este respecto, non era un debate novo, pero o exemplo catalán acabou por ser determinante. Os promotores da iniciativa recompilou información, analizou as posibilidades, sumou vontades e, finalmente, deu o primeiro paso en público. Co apoio dun pequeno grupo de entidades, lanzou a convocatoria para a constitución de PuntoGal.
No correo que se enviou naquel entón dicíase:
Este é o acto inaugural dun proceso participativo no que se quere implicar a colectivos e organizacións vencellados a lingua, cultura e internet galega para constituír a Asociación Punto Gal como entidade promotora do dominio .gal perante a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN), o organismo internacional que se encarga de autorizar e recoñecer os dominios.
As misións da Asociación Punto Gal que queremos constituír coa túa participación non serán outros que realizar campañas de concientización, conseguir novos apoios sociais a prol do .gal e avalar a súa candidatura para lograr o seu recoñecemento por parte da ICAAN.
O ICANN valora as propostas en función da xustificación da necesidade de ter este dominio e dos apoios que ten a propia candidatura dentro do seu territorio; por iso é imprescindible callar unha candidatura sólida avalada polos importantes organismos e asociacións galegas no ámbito cultural, lingüístico e na comunicación en internet.
Segundo o establecido nos protocolos do ICANN, os pasos para a consecución dun dominio son:
- Unha entidade promotora de elaborar unha candidatura e presentala en tempo e forma.
- ICANN valorará e concederá ou non o recoñecemento do dominio.
- Unha vez recoñecido ter ese dominio galego, a entidade promotora disolverase e dará lugar unha nova entidade que xestione o rexistro e mantemento dos dominios galegos.
De entre todas as posibilidades existentes para acceder a un dominio, a máis factíbel é solicitar un dominio referido a nosa cultura e a nosa lingua. De entre os dominios xenéricos, o máis acaído é optar a un dominio esponsarizado; isto é, a un dominio restrinxido que teña unha comunidade de apoio que será quen determine se unha persoa física ou xurídica pode rexistrar un dominio específico en función da súa pertenza a esa comunidade, no noso caso, en función da súa relación coa lingua e a cultura galega.
A constitución da Asociación Punto Gal como entidade promotora é o primeiro paso que debemos dar na promoción da candidatura .gal diante da ICANN e gustarianos contar coa túa presenza para iniciar esta ilusionante andaina.
A reunión celebrouse como estaba previsto e de aí naceu a xestora do dominio, quen publicou un comunicado de prensa nos seguintes termos:
Unha ducia de entidades representativas de diversos ámbitos da sociedade galega constituíron en Santiago de Compostela a xestora da Asociación PuntoGal, que ten como obxectivo a consecución do dominio .gal como espazo propio na internet para a cultura e a lingua do país.
As organizacións promotoras avalarán esta candidatura diante da Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN), organismo internacional que se encarga de autorizar e de recoñecer os dominios. A asociación nace tamén coa pretensión de sumar o maior número posible de apoios sociais para a iniciativa. Igualmente, realizará accións de concienciación entre a cidadanía sobre a necesidade de que Galicia dispoña dun dominio propio.
A xestora está conformada por representantes da Asociación de Editores de Galicia, da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, da Asociación Fillos de Galicia (fillos.org), do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, do Consello da Xuventude de Galicia, das Empresas Galegas Adicadas a Internet (Eganet), do Galicia Hoxe, do Idesga-Galego 21, do ISOC-Galicia, da Mesa pola Normalización Lingüística, da Real Academia Galega (RAG) e de Vieiros.
Pola propia complexidade do proceso a xestora considera fundamental traballar dando pasos firmes, actuando con axilidade e contando cun amplo respaldo social. A ICANN valora as propostas en función da xustificación, da necesidade de ter o dominio e dos apoios dos que dispón a propia candidatura dentro do seu territorio; por iso é imprescindible artellar unha candidatura sólida coa presenza de importantes organismos e asociacións galegas no ámbito cultural, lingüístico e da comunicación.
Nestes momentos, o grupo de traballo está a manter reunións para coñecer experiencias doutros casos similares, especialmente o catalán; prepara un calendario de actuacións en base á axenda da propia ICANN; estuda as opcións para elaborar e defender os preceptivos informes da candidatura; e elabora os estatutos que rexerán o funcionamento da asociación. Sobre cada unha destas cuestións, así como das maneiras de sumarse a este ilusionante proxecto, volverase informar en novas comunicacións.
Santiago de Compostela, 6 de abril de 2006
Xestora da Asociación PuntoGal
PuntoGal sempre terá unha débeda de gratitude coas entidades e coas persoas que estiveron aquel día, naquela xuntanza, e deron aquel paso. A Asociación de Editores de Galicia, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, a Asociación Fillos de Galicia (fillos.org), o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Consello da Xuventude de Galicia, as Empresas Galegas Adicadas a Internet (Eganet), Galicia Hoxe, Idesga-Galego 21, ISOC-Galicia, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Real Academia Galega (RAG) e Vieiros forman xa parte da historia do dominio.
A xestora de PuntoGal púxose mans á obra, redactou os estatutos da organización que ía guiar o proceso e nomeou a súa primeira directiva. En xuño de 2006 a entidade xa estaba oficialmente en marcha.
As primeiras cousas que se fixeron foron organizar os equipos de traballo, ver o funcionamento doutros dominios, ir coñecendo o complexo mundo de ICANN e, moi especialmente, espallar por Galicia a idea e a ilusión de conseguir un dominio propio para o país.
A resposta foi máis que positiva. Todas as xuntanzas nas que se presentaba PuntoGal remataron con apoios explícitos á candidatura galega. Partidos políticos, organizacións sindicais, colexios profesionais, colectivos e entidades da emigración, o ámbito cultural e da lingua, as universidades, medios de comunicación, entre outros moitos, deron o seu respaldo. PuntoGal abriu a súa primeira web, onde tamén recompilou miles de sinaturas individuais de persoas interesadas no proxecto.
O camiño estaba iniciado. Os promotores calculaban que o dominio se conseguiría non máis aló dun par de anos. A realidade demostrou que quedaban moitos máis quilómetros por percorrer. Sen embargo, durante todo o tempo que houbo que agardar, mentres se traballaba en silencio no día a día, ninguén se baixou do tren. Máis ben ao contrario, sempre houbo alguén a quen pedirlle unha man cando fixo falta. Deles é o éxito da obtención do dominio.
Un proceso longo e complexo
Cando a primeira directiva de PuntoGal empezou a desenvolver o seu labor non contaba con que o proceso se adiara tanto. Desde 2006 ata a súa aprobación final, en 2013, pasaron sete anos nos que houbo que asistir a ducias de reunións, congresos de ICANN, pasar múltiples procesos e filtros, obter recursos e preparar documentos. Nese tempo o estado de ánimo tamén ía cambiando de euforia a cansanzo, dependendo da recepción dun correo, dunha noticia publicada nunha páxina do sector ou dunha chamada recibida a deshoras.
ICANN é un organismo complexo, que ten as vantaxes e desvantaxes dunha organización grande con múltiples comités, grupos de presión, gobernos, empresas e entidades interactuando no mesmo lugar. Resulta complexo coñecer o seu funcionamento e cales son os mecanismos que moven as tomas de decisións. Pero tamén é sinxelo participar na comunidade. Unha cousa pola outra.
O proceso de apertura de dominios era unha decisión importante para ICANN. Ata ese momento, había un número moi limitado de extensións. Non había moita vida máis aló do .com. A entrada de novos dominios cambiaba por completo o funcionamento de ICANN, en canto ás necesidades técnicas, de xestión e de integración.
En todos os anos que PuntoGal, xunto con outras moitas candidaturas, presionaron para abrir o proceso, houbo momentos en que semellaba que se ía lanzar un proceso global con poucos requisitos, outros nos que parecía que non se ía abrir máis que a casos ou grupos concretos e outros nos que, basicamente, só había confusión.
Co paso do tempo PuntoGal deuse a coñecer entre os comités, empresas e persoas que traballan na organización. Iso conseguiuse con moitas reunións e presentacións, explicacións que moitas veces comezaban tratando de ubicarlles aos interlocutores onde estaba Galicia e os motivos polos que queriamos un dominio. Houbo que contar a historia de Galicia e da súa lingua propia moitas veces, en idiomas distintos.
O proceso foi madurando e a expectativa de que ICANN abrise a man cos dominios fixo que cada vez máis empresas e entidades tivesen interese no proceso, polo que creceu o número de candidatos posibles.
A evolución
O sistema de nomes de dominio (DNS), que traduce os enderezos IP a un formato máis entendible, data de mediados dos anos 80 do século XX. De feito, o primeiro dominio, nordu.net, é de xaneiro de 1985. As extensións xenéricas orixinais foron .com, .edu, .net, .gov, .mil e .org, xunto coas extensións territoriais (como .fr para Francia ou .es para España).
ICANN crea os dominios xenéricos denominados patrocinados no ano 2000, cando entran no circuito .aero, .biz, .coop, .name, .info e .museum. En 2005 engádese o .mobi e o .cat, a primeira experiencia para unha comunidade cultural e lingüística. En 2006 ábrese o .eu para países da Unión Europea e, en 2007, o .tel.
Co mencionado incremento de interesados, en 2008 ICANN iniciou o proceso de apertura a novos dominios xenéricos, que concretou en 2012 co procedemento de candidaturas. Ese procedemento incluía unha complexa serie de requisitos de tipo técnico e organizativo, especialmente no referido a asegurar a continuidade do servizo. Pero tamén era necesario contar cun aval económico importante. PuntoGal conseguiu dar todos eses pasos co traballo desinteresado da súa directiva e os seus colaboradores, co apoio de moitas entidades e particulares, e co respaldo económico fundamental da Xunta de Galicia.
PuntoGal presentou a súa candidatura logo de varias semanas de traballo continuo e de non poucos atrancos, que tivo o punto culminante no proceso de peche da candidatura, o momento no que se lle deu ao botón de SUBMIT á candidatura, cousa que se fixo unha noite, xa de madrugada, desde unha oficina en Santiago de Compostela na que estaban tres persoas do equipo. Despois diso, tocou esperar, con certo nerviosismo, a análise da documentación, a resposta a dúbidas da ICANN e, finalmente, a aprobación final.
A día de hoxe hai máis de 1.200 novos dominios delegados, o que enriqueceu e ampliou moitísimo a rede e cambiou o funcionamento de ICANN. Tamén incrementou a competencia no sector e a colaboración entre os dominios. Pódese consultar información sobre o proceso nesta ligazón. Na listaxe de dominios delegados, figura, como non, o PuntoGal. Consultar esta ligazón.
PuntoGal é hoxe un dominio recoñecido tanto en Galicia como nos organismos internacionais da rede, participa das reunións de ICANN e é un membro activo da súa comunidade. Estamos no mapa de internet.
Galicia obtén o seu dominio
PuntoGal conseguiu o dominio para Galicia o 14 de xuño de 2013. ICANN comunicou a nova despois dun longo proceso, intensificado durante o último ano, no que houbo que presentar todo tipo de documentos que respaldaban a fiabilidade da candidatura galega. Informes técnicos, informes económicos, informes de xustificación da necesidade do rexistro para un país como o noso ou avales elaboráronse grazas á colaboración non só da directiva da asociación naquel momento, senón tamén de persoas voluntarias que, de forma desinteresada, axudaron coas súas achegas.
Toda a documentación presentouse co apoio de ducias de entidades, miles de persoas que asinaron polo dominio e a declaración explícita de compromiso co proxecto de distintas administracións autonómicas, todos os partidos políticos e unha resolución por unanimidade do Parlamento de Galicia.
O primeiro dominio que se activou foi de tipo simbólico e técnico: nic.gal. Esa páxina, que aínda está activa e que agora redirixe ao website do dominio, foi o inicio da transferencia efectiva da xestión do rexistro, efectuada en abril de 2014. Para darlle solemnidade ao feito, o día anterior ás Letras Galegas dese ano presentouse a primeira web completa realizada baixo .gal, www.dominio.gal.
O evento tivo lugar na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, nun acto coa presenza do presidente da Xunta de Galicia e distintas autoridades.
Todo o traballo previo ata chegar a este punto non serviría de nada se a sociedade non acompañase ao dominio unha vez que foi aprobado. Para axudar no lanzamento do rexistro, o equipo de PuntoGal planificou a saída dos denominados dominios pioneiros, empresas, administracións e entidades relevantes que daban un paso á fronte e adquirían os primeiros .GAL para as súas respectivas páxinas web. Finalmente foron 93, que sempre quedarán na historia do dominio como favorecedores da súa posta en marcha e, polo tanto, contarán co recoñecemento de PuntoGal. Nesta páxina podes ver a listaxe completa dos pioneiros e aquí podes visualizar un vídeo feito para a ocasión, emitido na roda de prensa da súa activación, que tivo lugar no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.
O proceso de lanzamento dun dominio implica distintos procedementos técnicos e administrativos, en grande medida para seguir as pautas marcadas por ICANN, pero tamén regulamentos de seguranza e resolución de posibles conflitos con, por exemplo, marcas rexistradas. Neste camiño, o dominio contou coa axuda non só dun equipo técnico experto na materia, senón tamén de voluntarios (de novo) e de rexistradores que botaron unha man para iniciar a nosa andaina.
As tres fases iniciais foron as de Abrente (Sunrise), Carreira (Ladrush) e, finalmente, a fase aberta. Na primeira distinguíase varias categorías con distintas prioridades para marcas rexistradas, administracións públicas, entidades e institucións con competencia en Galicia e empresas ou páxinas que facían a súa comunicación en lingua galega. Na fase Carreira, incluíanse os dominios que, por distintos motivos, non se podían incorporar nas categorías da fase Abrente.
Finalmente, o 2 de decembro de 2014 activouse a fase Aberta, na que as solicitudes se asignan por orde de chegada, como sucede en calquera outro dominio. A súa activación presentouse nun acto na Escola de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Este foi tamén un momento importante xa que, desde ese momento, o dominio estaba plenamente operativo e aberto á sociedade en xeral.
Desde entón, o número de dominios foise incrementando de forma continua, nun incremento que está conformando unha comunidade arredor do país e da lingua. Ese crecemento ven reforzado por unha alta taxa de renovación dos dominios, o que lle da estabilidade e que demostra que os nomes son útiles para os seus propietarios.
Queda moito camiño por percorrer para sumar moitos máis proxectos á casa común do PuntoGal. Nese labor está o equipo e a dirección de PuntoGal. Nesta ligazón pódense consultar algunhas das actividades que vimos realizando nos últimos anos. O traballo non é só vender dominios, senón achegar PuntoGal á sociedade e levar Galicia aos foros internacionais.
Un éxito colectivo
Na orixe de PuntoGal non estaba só o obxectivo de conseguir o dominio, senón que o propio camiño para facelo formaba parte do proxecto. PuntoGal é un activo de Galicia, e como tal debe funcionar. Ese espírito, presente desde a primeira xuntanza do equipo promotor, mesmo antes da reunión fundacional no Auditorio de Galicia, móstrase na súa política de portas abertas a todas as sensibilidades sociais. E iso cristalizou en distintos apoios e recoñecementos que sempre agradeceremos.
Apoio parlamentario
Un dos momentos máis emocionantes e simbólicos desta vaixe foi a declaración institucional que fixo o Parlamento de Galicia, en xuño de 2014, para apoiar ao dominio. Por unaminidade, todos os grupos políticos apoiaron esta idea que, nun principio, podía parecer un desvarío.
No texto, que se pode ler aquí, salientábase “o grande logro que supón para o noso pobo a consecución do dominio .gal”, e que “ter un dominio propio é un paso importante para a Comunidade, que agora ten unha marca propia que identifica a nosa lingua e cultura na Internet”.
Apoio institucional
En maio de 2015, a Xunta de Galicia aprobou o decreto 74/2015 que regula a organización da presenza na Internet da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia baixo o dominio de nivel superior .gal, coa finalidade de proxectar unha “imaxe homoxénea na Internet da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia por medio do impulso e difusión da riqueza cultural, patrimonial, lingüística e social de Galicia baixo o dominio .gal“. Este documento tamén é fundamental para a expansión do dominio entre as administracións públicas (autonómica, local e de organismos), onde .GAL é abrumadoramente maioritario. O texto do decreto pode consultarse aquí.
Despois, outras institucións amosaron o seu apoio ao dominio. Desde Deputacións a Concellos, cada pequeno paso deulle máis vento nas velas a esta embarcación.
Apoio universitario
As tres universidades galegas apoian a PuntoGal dende os seus inicios. Non só forman parte da asociación, senón que estiveron presentes no proceso de pioneiros de lanzamento do dominio, utilizan o .gal de maneira habitual e formaron e forman parte en distinta medida da Xunta directiva do dominio. Ademais, as oficinas de PuntoGal están situadas dende 2019 na Universidade da Coruña, grazas a un acordo de colaboración que permitiu a cesión dun espazo na Maestranza, sede do Reitorado da UDC. Este espazo súmase a outro complementario co que conta PuntoGal no Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela.
Así mesmo, a Universidade de Santiago de Compostela ampliou o uso do .gal como xeito de estar en Internet, cun plan que incluíu na súa renovación da web e do resto das súas plataformas o uso do .gal como dominio de referencia, que tamén se trasladou ao correo electrónico, tanto no caso dos profesores e persoal administrativo como dos estudantes. A partires do curso 2019-2020, todas as novas caixas de correo teñen o formato <nome.apelido@rai.usc.gal>. O uso do correo PuntoGal tamén foi posto en marcha anteriormente na Universidade da Coruña, que tamén está a disposición do seu persoal.
Outras entidades tamén activaron as súas contas de correo baixo .gal, entre as que figuran moitos concellos, organismos profesionais e empresas.
Premios e recoñecementos
PuntoGal tiña -e ten- moitos obxectivos, pero ningún deles era o de conseguir premios. Sen embargo, nestes anos chegaron varios. Todos e cada un nos emocionaron e por iso é de xustiza citalos:
- Premio Xoán Manoel Pintos, entregado polo Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua, pola promoción da lingua galega.
- Premio do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia, entregado polo Colexio Profesional de Enxeñeiros Informática de Galicia, cunha mención especial pola consecución do dominio .GAL
- Premio San Martiño de Normalización Lingüística, na categoría de Galicia Enteira, entregado pola Asociación Cultural o Brado de A Estrada
- Premio da Cultura Galega en 2013, na Categoría de Lingua, entregado pola Consellería de cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
- Premio Manuel Beiras, cunha distinción Especial á Asociación PuntoGal, entregado pola Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, para empresas que usan o galego nas súas comunicacións.
- Socio de Honra da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.