Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2022.- PuntoGal acudirá por octavo ano á Feira das Industrias Culturais, Culturgal, que se celebra entre os días 24 e 27 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. A feira ampliarase un día máis con respecto aos anos anteriores, cunha xornada para profesionais. Nesta ocasión, o dominio volverá contar coa colaboración de Gadis e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.
A Culturgal celebra este ano o seu 15º aniversario, 15 anos cos fíos da cultura, cunha imaxe renovada nun cartaz que representa un pano bordado. A feira presentou o seu programa “Culturgal 2022, un festexo para a comunidade e os libros”, que contará coa presenza dos nomes protagonistas da creación literaria do país, onde destaca a homenaxe a Helena Villar Janeiro polos seus “50 anos de poesía e compromiso”. Podedes ver o programa aquí. O día 25 actuará a Nova Galega de Danza e a noite do día 26 haberá actuacións en directo no Auditorio do Pazo da Cultura, coa participación de Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore. O Espazo Profesional tamén será o escenario do acto de celebración do 15 aniversario da Feira, o domingo a mediodía. Podedes seguir a programación nesta ligazón.
O stand de PuntoGal na edición deste ano da feira é o número 84, lugar onde se ofrecerá información sobre o dominio e tódalas actividades que ven realizando o mesmo durante este ano. As persoas que se acheguen por alí poderán conseguir agasallos do dominio e de Gadis e entrar nun sorteo os tres días de feira a quen se subscriba ao boletín de novas de PuntoGal durante eses días. Este será o 8º ano de PuntoGal na feira que serve de espazo de contacto entre os diferentes sectores da cultura galega e como escaparate de presentación de activades e proxectos. Para PuntoGal é un lugar para facer alianzas e defender a súa filosofía estatutaria de apoio a difusión da lingua e cultura galegas.
A día de hoxe o dominio conta con máis de 6.600 dominios rexistrados e entre as súas últimas actuacións figuran o patrocinio dos Premios Paraugas entregados o 18 de novembro e a entrega dos premios Spin-off PuntoGal que premia as inicitaivas xurdidas dentro das Universidades Galegas.