2 de Novembro de 2022, Santiago de Compostela / Nova York. O pasado ano PuntoGal asinou a súa incorporación á Global Cyber Alliance (GCA), a organización internacional creada en 2015 para afrontar os riscos cibernéticos e facer da rede un lugar máis seguro. O dominio foi a primeira entidade galega en sumarse a esta alianza global, dentro da súa política de reforzar a seguridade do ámbito dixital. Hoxe se publica unha das ferramentas elaboradas en colaboración, unha caixa de ferramentas para PeMEs en galego, a que se pode acceder na ligazón i.gal/pemes
O Director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, sinalou que “esta caixa de ferramentas, a primeira de varias que temos en proxecto, permite ás PeMEs dar un primeiro paso no diagnóstico e prevención de posibles problemas de seguridade, que poden dar tranquilidade aos administradores ou sinalar a necesidade de buscar asistencia con cuestións puntuais”. Janeiro comentou, finalmente, que “ao longo destes meses e no ano 2023 iremos publicando novas caixas de ferramentas sectoriais, sempre pensadas como algo práctico, sinxelo de usar e con opcións gratuítas, e ofrecendo protección aos dominios a través da plataforma Domain Trust, un proxecto promovido pola GCA para facilitar o intercambio de información sobre dominios maliciosos, unha das infraestruturas esenciais usadas pola ciberdelincuencia.”
“O traballo da GCA pola confianza e a seguridade de Internet desenvólvese nunha dobre dinámica global-local, e a nosa colaboración con PuntoGal é un exemplo perfecto delo. Primeiro, con Domain Trust, PuntoGal levou a escala global a protección dos dominios .GAL, criados localmente”, asegurou Brian Cute, director do programa de capacitación e resiliencia da GCA. “Agora, coa Caixa de Ferramentas, leva aos usuarios dos seus dominios, PeMEs, asociacións e administracións locais, a protección das ferramentas ofrecidas polos nosos socios internacionais. Esta colaboración é un modelo a seguir con outros socios con forte presencia local.”
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai máis de 6.600 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.
Sobre a Alianza cibernética global
A Global Cyber Alliance é unha iniciativa internacional e intersectorial dedicada á misión de reducir o risco cibernético e mellorar o mundo interconectado no que vivimos. Para iso, unimos comunidades de todo o mundo baixo a nosa misión, implementamos solucións concretas e medimos os resultados. A GCA, constituída como unha entidade de tipo 501 (c) (3) nos Estados Unidos e como unha organización sen ánimo de lucro no Reino Unido e Bélxica, foi fundada en setembro de 2015 pola Oficina do Fiscal de Distrito de Manhattan, pola policía da cidade de Londres e o Centro de Seguridade en Internet. Para máis información: globalcyberalliance.org.