Os presidentes da Asociación PuntoGal, Manuel González González e do Clúster do Ecommerce Galego, Xosé Luis Reza, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal o Clúster se compromete a dar cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal para promover a utilización do dominio a través dos seus órganos de expresión. Ademais, e grazas a este acordo, os socios do Clúster poderán obter un dominio .gal a prezos reducidos. A sinatura realizouse de xeito telemático.
PuntoGal e o Clúster do Ecommerce galego
PuntoGal, que supera seis mil oitocentos dominios, vai continuar a promover convenios coma este, “acompañando ás empresas que usan a rede para levar os produtos galegos a un público global, así como a establecer canles de distribución comercial no noso territorio “, en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro.
Para Janeiro “o feito de nos mover nun espazo global non fai máis que reforzar a importancia da vinculación ao territorio que lles da personalidade, na actividade comercial coma en calquera outra”.
O Clúster do Ecommerce Galego aglutina aos ecommerce e marketplace ubicados na nosa Comunidade Autónoma. Un sector estratéxico para Galicia no eido da dixitalización, internacionalización e o marketing que xa é un dos grandes xeradores de riqueza da nosa terra.
Pola súa banda, Xosé Luis Reza quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que “vai canalizar toda a potencia dun sector que crece a dous díxitos anuais e que precisa buscar sinerxias entre sí. PuntoGal é un aliado estratéxico para nós. Eu personalmente estou moi agradecido coa institución por todo o apoio que nos ten prestado tanto neste proxecto como nos anteriores”.
O convenio entrambas entidades inclúe a posibilidade de que as asociadas e asociados do Clúster poidan mercar un dominio .gal ao prezo reducido de 13 euros máis IVE. Para facer efectiva a oferta, terán que utilizar códigos promocionais a través dos rexistradores que colaboran na promoción, Dinahosting e Entorno Digital.