Novas de interese

PuntoGal colabora por noveno ano consecutivo coa FIRST LEGO League Galicia

 A Coruña, 12 de marzo de 2026.- O próximo sábado, 14 de marzo desde as 9 da mañá, no Campus Industrial de Ferrol terá lugar a duodécima edición da FIRST LEGO League Galicia. PuntoGal colaborará por noveno ano consecutivo como patrocinador deste evento. A FIRST LEGO League, é un programa internacional que fomenta as vocacións científicas e tecnolóxicas entre mozos e mozas, a través dun desafío que os equipos deben resolver. Este evento esta organizado en Galicia pola Universidade da Coruña, a través da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol e o Campus Industrial.

Neste ano no desafío UNEARTHED, os máis de 450 mozas e mozos exploran como o os restos arqueolóxicos, as ferramentas e coñecementos do pasado axudan e entender e deseñar un futuro mellor.  A FIRST LEGO invita ós equipos a descubrir a diversión e a emoción da ciencia e a tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas mentres resolven problemáticas reais. Os equipos deseñan, crean e proban robots autónomos e operados por controladores, que deberán superar unhas probas durante o torneo.

Na edición deste ano cóntase coa participación de máis de 50 equipos e levarase a cabo en diversos espazos como poden ser a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, a Facultade de Humanidades e Documentación, o pavillón de Esteiro ou o Auditorio Municipal. Da categoría Challenge que é a de maiores (de 9 a 16 anos) participarán  32 equipos e 21 equipos de menores de 9 anos; 19 na FIRST LEGO League Explore e 2 na FIRST LEGO League Discover. Este ano participarán no evento equipos de Galicia e Asturias.

Dentro da competición tamén hai un apartado para os máis pequenos, a FIRST LEGO League Explore (de 6 a 9 anos) e a FIRST LEGO League Discover (de 4 a 6 anos). Os máis pequenos deseñan e constrúen un modelo con ladrillos LEGO DUPLO e completan un caderno de enxeñaría, o que os axudará a achegarse ao mundo STEM. Pola contra, os do grupo Explore teranse que enfrontar a tres retos: un traballo de investigación; programar, deseñar e construír un robot e participar nunha exposición do seu traballo e deseños.

A competición pódese seguir en vivo na súa canle de youtube e na web do evento firstlegoleague.gal.

PuntoGal será o encargado de entregar o premio ás Novas Promesas, que recoñece ao equipo que os xuíces consideraron que destacaba especialmente e do que esperan grandes avances no futuro. PuntoGal mantén un convenio de colaboración e patrocinio coa Universidade da Coruña para apoiar o evento, que forma parte da área de proxectos institucionais apoiados dende o dominio.