Cangas, 19 de xuño de 2024 | A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia anunciou recentemente a apertura de dous novos espazos: un salón cun total de 16 máquinas recreativas ambientado nos anos 90 e a Área de Preservación, no que se atopa o taller de reparación, recuperación e conservación de dispositivos.
O salón arcade porá a disposición do público sistemas característicos dos anos 90 que anteriormente só estaban representados de xeito anecdótico no museo. A ambientación buscará evocar as sensacións e ecos desa época facendo uso dunha ambientación escura e divertida, con son e luces anacrónicas.
A apertura da Área de Preservación busca poñer fincapé e dar visibilidade ao arduo traballo do equipo do MUVI, enxeñeiros e técnicos, no proceso de restauración e coidado das pezas. Os videoxogos, para poder entendelos, hai que xogalos. A preservación activa de todos os elementos do museo é unha parte moi importante para que a experiencia do usuario visitante non se vexa alterada.
O MUVI conta actualmente con 50 pezas a disposición dos visitantes, das cales un 10% corresponden a títulos da industria Galega do Videoxogo. Unha parte importante será rotativa de xeito habitual, o cal significará que cada visitante vivirá unha experiencia diferente ao anterior, o que tamén permite a continua renovación do museo.
O horario para este verán será os sábados de 16:30h a 21h con dúas opcións de entrada:
- Acceso gratuíto: Exclusivamente ás horas en punto, só durante 60 minutos e con límite de salas (Exposición Principal + Videoxogo Galego + percorrido por tódolos espazos do MUVI).
- Acceso completo: 8€ por persoa e día, con acceso inmediato e sen límite de tempo ou salas (Exposición Principal + Videoxogo Galego + Habitación da Memoria + Espazo de Experimentación + Salón Arcade).
A maiores o MUVI conta cunha membresía renovable anualmente “Amigos do MUVI”, cun 50% de desconto nas entradas diarias e enfocada á xente interesada en acudir as aperturas con frecuencia; e un programa de voluntariado xa en funcionamento dende a apertura do museo no 2022.