Este ano, por mor da pandemia a celebración consistirá nunha videoconferencia e contará coa presenza de Beatriz Paz Santalla, Enxeñeira en telecomunicación, Ana Freire, Doutora en informática, Úrsula Martínez Álvarez, Enxeñeira Aeroespacial e Verónica Bolón Canedo, Doutora en informática. No evento participarán tamén alumnas de primaria e secundaría, a día de hoxe xa hai máis de 300 estudantes inscritos.

O Día das Rapazas nas TIC é unha celebración a nivel internacional, orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico. O proxecto ICT-Go-Girls, que vai asociado a esta data é unha iniciativa que se deseñou para mellorar as competencias empresariais nas rapazas de secundaria, usando as TIC como elemento chave, propocionándolles habilidades, coñecementos e valores para axudalas a crear futuras oportunidades para innovación e calidade do emprego relacionado coas TIC.

Entre os seus obxectivos están a mellora de habilidades emprendedora entre as alumnas, a promoción das TIC e de habilidades transversais, a colaboración entre os ámbitos empresariais e académicos e a creación dunha rede sostible de colaboración a nivel europeo.

Este evento conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega),  Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-GAL), Asociación PuntoGal, Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade da Universidade de Santiago, Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVigo) e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters!

Tedes máis información nesta ligazón.