Novas, Proxectos

PuntoGal e Voltier Electronics selan un acordo de patrocinio por dous anos coa Selección Galega de Fútbol Gaélico

Santiago, 12 de xuño de 2019.- As oficinas da delegación santiaguesa da Federación Galega de Fútbol (FGF), situadas no estadio municipal Vero Boquete de San Lázaro, acolleron este mediodía o acto de sinatura do acordo polo que a empresa galega Voltier Electronics e a Asociación PuntoGal se converten nas entidades patrocinadoras principáis da Selección Galega de Fútbol Gaélico para os próximos dous anos. Na firma do convenio participaron o presidente da Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG), Ángel Negrete, mentres que en representación de PuntoGal estiveron presentes o seu presidente, Manuel González, e o seu director xeral, Darío Janeiro, e por parte de Voltier Electronics Iván Souto e Luis Rama, socios fundadores.

Negrete destacou en nome do gaélico galego a trascendencia deste convenio de patrocinio “que, grazas ao compromiso de dúas firmas galegas punteiras nos seus sectores nos permitirá seguir crecendo como referencia do fútbol gaélico a nivel internacional a través da Selección Galega”. Deste xeito, expresou o seu recoñecemento e agradecemento tanto a PuntoGal como a Voltier Electronics e fixo fincapé na relevancia deste acordo de colaboración “que é para nós fundamental, pois cobre a participación da Selección no mundial deste verán e no europeo do ano que vén para o que, ademais, estamos traballando na candidatura de Galicia como sede”. “As achegas de entidades empresariais unidas a outro tipo de iniciativas que vimos levando a cabo para conseguir fondos” -engadiu Negrete- “son imprescindibles para poder afrontar a participación das Seleccións en torneos internacionais, tendo en conta que somos totalmente amateurs e que xogadores/as corpo técnico e outros membros da AGFG debemos realizar importantes sacrificios persoais e incluso económicos para competir”.

O presidente de PuntoGal, Manuel González, sinalou no acto de presentación que “O dominio -gal é unha etiqueta que nos identifica aos galegos en todo o mundo, e que a posta de relevo dos signos de identidade de Galicia son unha prioridade para a Asociación PuntoGal” e “por iso apoia iniciativas que contribúen a reforzar as nosas características diferenciais, como é o fútbol gaélico”. “PuntoGal, como asociación sen ánimo de lucro, inviste todos os seus beneficios na promoción da lingua, cultura, deporte e tecnoloxía galegos e na visibilidade de Galicia no ciberespazo”. Pola súa parte, o director xeral do dominio, Darío Janeiro, sinalou que PuntoGal “leva traballando os últimos meses no establecemento dun programa corporativo de colaboración e apoio a entidades vinculadas á lingua, a cultura, a sociedade ou á tecnoloxía en Galicia”. Nesta liña lembrou o traballo realizado de localización do navegador Firefox ao galego, a organización do exitoso certame de microrrelatos coa Real Academia Galega, o apadriñamento do festival de Cans ou o apoio a eventos como a First Lego League, o Día Internacional das Rapazas nas TIC, a Noite Galega das Telecomunicacións ou Coruña Hacks. Janeiro sinalou que o crecemento no número de dominios rexistrados irá posibilitando, pouco a pouco, máis accións deste tipo que, na súa opinión “constitúen unha das razóns de ser de PuntoGal”.

PuntoGal (www.dominio.gal) é a entidade que xestiona o dominio de internet “.gal”. A día de hoxe, conta máis de 5.000 dominios rexistrados entre empresas, institucións, entidades sociais e particulares. Pola súa banda, Voltier Electronics, fundada en 2017, é unha empresa que ofrece soporte técnico e reparación de equipos de electrónica de consumo multimarca tanto a clientes particulares como a profesionais.