Novas, Proxectos

PuntoGal e Nós Diario asinan un convenio de colaboración

O presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González González, e o de Sermos Galiza, editora de Nós Diario, Xoán Costa, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal Nós Diario se compromete a dar cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal para promover a utilización do dominio. Ademais, e grazas a este acordo, as subscritoras e subscritores poderán obter un dominio .gal a prezos reducidos. A sinatura realizouse de xeito telemático.

PuntoGal e Nós Diario

O presidente de PuntoGal, Manuel González, declarou que “nunha situación como a actual, en que o galego aínda se trata de ocultar como medio de comunicación social asociado á modernidade, á expresión da ciencia e da técnica, compartimos con Nós Diario a función esencial de demostrar e de transmitir día tras día a idea de que o galego, a lingua que nos identifica como pobo e polo tanto a nosa lingua, é un medio tan apto coma outra lingua calquera para a transmisión de todo tipo de coñecemento: da matemática, da física, da bioloxía, da aeronáutica ou da investigación farmacolóxica. Demostramos cada día que en galego podemos vivir plenamente no mundo e estar instalados na modernidade”. PuntoGal xestiona o dominio galego na rede e conta xa con máis de 5.700 dominios activos.

Pola súa banda, o presidente e conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A., Xoán Costa, agradeceu a colaboración de PuntoGal por ofrecer a todas as galegas e galegos “un identificador propio, unha marca que nos define como pobo, cunha cultura e cunha lingua de noso”. “Sermos Galiza quixo ser parte dos 93 primeiros enderezos que, con motivo do Día da Patria Galega, comezaron a súa travesía co .gal o 25 de xullo de 2013”, afirmou o presidente da editora de Nós Diario, quen tamén salientou a capacidade de PuntoGal por “trasladar o orgullo de sermos galegas e galegos ao longo da rede”. “O .gal achega proximidade e calidade e representa un elemento diferencial, un gran valor engadido, dentro da globalización da internet”, engadiu Costa, quen convidou as subscritoras e subscritores a se sumaren á iniciativa polas súas vantaxes.

O convenio entre ambas as entidades inclúe a posibilidade de que as persoas subscritoras de Nós Diario poidan mercar un dominio .gal ao prezo reducido de 13 euros máis IVE. Para facer efectiva a oferta, terán que utilizar códigos promocionais a través dos rexistradores que colaboran na promoción, Dinahosting e Entorno Digital.