3 de marzo de 2021 I PuntoGal súmase ao proxecto Café Derby 21, un podcast que semanalmente presenta unha tertulia cultural coa presenza de talentos galegos que non sempre atopan un lugar onde falar das súas inquedanzas e proxectos. Durante un ano, o dominio galego colaborará con este espazo, dunha hora de duración, dirixido polos xornalistas Nicolás Carreira, Carme Domínguez e Adrián Lede.

O convenio, que se inicia neste mes de marzo, é a primeira participación de .GAL no ámbito dos podcast, un formato cun crecemento exponencial nos últimos meses e que o dominio considera estratéxico como espazo para incorporar contidos en galego e como aposta de futuro para a lingua. Segundo os seus promotores, Café Derby 21 “xorde da necesidade de xerar comunidade do noso, da urxencia dunha tertulia amable pero efectiva sobre a cultura en todos os seus aspectos e cos talentos galegos que non sempre atopan un altofalante”.

Cada mércores, Nicolás Carreira, Carme Domínguez e Adrián Lede son os encargados de “abrir unha pequena caixa de Pandora na que caben tanto temas de actualidade como grandes disputas atemporais, sempre na compañía de máis voces que achegan claridade na conversa”.

Por esta sobremesa cultural e virtual, que forma parte da oferta de Luzes.gal, xa pasaron, entre outros, Antía Yáñez, Artur Galocha, Carlangas, Nacho Carretero, Esther Estévez, Manuel Rivas, Xosé Manuel Pereiro, Sabela ou Neves Rodríguez. Nas seguintes 52 emisións, o espazo e os seus convidados estarán acompañados por PuntoGal. O podcast pode escoitarse en iVoox, Spotify e Apple.

Esta colaboración forma parte do programa corporativo de PuntoGal de apoio a iniciativas no ámbito da lingua, a cultura e as TIC en Galicia e en galego. O dominio, con máis de 5.900 rexistros, participa noutras actividades como os Paraugas do Clúster da Comunicación, os Spin-off PuntoGal, o patrocinio das seleccións galegas de fútbol gaélico ou a organización do concurso de Microrrelatos en colaboración coa RAG, que acaba de rematar a recepción de orixinais para a súa cuarta edición con máis de 1.500 participantes.