Novas, Proxectos

PuntoGal colabora por cuarto ano consecutivo coa FIRST LEGO League Galicia

A sétima edición FIRST LEGO League Galicia (FLL Galicia) celébrase o vindeiro 29 de maio. Como en edicións anteriores, o dominio PuntoGal colaborará co evento. Este ano, debido á pandemia, o campionato será en liña e contará coa participación de máis de 250 mozos e mozas. Nesta edición competirán 35 equipos: 19 na categoría FLL Challenge (de 10 a 16 anos), 13 na FLL Explore (de 6 a 9 anos) e 3 na FLL Discover (4 a 6 anos). O evento poderase seguir a través da súa web firstlegoleague.gal, dominio cedido por PuntoGal. Unha persoa do equipo de PuntoGal formará tamén parte do xurado desta edición.

FIRST LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas de entre 10 e 16 anos a resolver problemas do mundo real, ao mesmo tempo que desfrutan aprendendo ciencia e tecnoloxía. O certame apórtalles habilidades para o seu futuro profesional e persoal mediante unha aprendizaxe significativa e, ao mesmo tempo, lúdica.

A misión da LEGO League é fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as máis novas e desenvolver habilidades e competencias de futuro.

PuntoGal, dominio galego de internet, con case 6.000 nomes rexistrados, aposta por este tipo de eventos que combinan tecnoloxía e educación, no marco do seu programa corporativo de apoio a iniciativas de interese para Galicia.