Novas, Proxectos

Punto Gal renova o seu convenio con VINTE

A Asociación PuntoGal e a revista dixital VINTE, asociada ao xornal Praza.gal, renovan o convenio para a publicación da sección “VINTE na rede”, unha serie de reportaxes que de xeito periódico analizan a creación de contido en galego que podemos ver na web e nas redes sociais.

Nun momento no que se disparou, e moito máis coa pandemia, o consumo pero tamén a creación de contido na rede, cada vez é máis difícil seguirlle a pista a todo o que se publica e aos distintos fenómenos creativos, individuais e colectivos que se producen en internet. Por iso VINTE na Rede ten como obxectivo celebrar a vitalidade da creación dixital en galego pero tamén exercer o filtro xornalístico, a análise e observación para darlles profundidade e contexto a estes fenómenos, que cada día son máis numerosos e tamén fugaces.

A colaboración para a publicación deste contido patrocinado por PuntoGal iniciouse en xaneiro de 2020 e desde entón publicáronse máis de vinte reportaxes, que superaron as 15.000 visitas na web e un alcance en redes sociais de máis de 225.000 impactos. Nas reportaxes puidemos coñecer a mellor creación galega en Twitter, Youtube, Instagram e Tik Tok, pero tamén novas narrativas e linguaxes como a realidade virtual e aumentada, os podcasts, as newsletters ou os gifs animados.

Así mesmo prestóuselle atención especial á explosión creativa nas redes durante o confinamento, algo que marcou un punto de inflexión á hora de extender a popularidade e multiplicación da produción de contidos na rede, tamén na nosa lingua. Ao longo deste ano 2021 o radar de VINTE seguirá apuntando a estas redes pero tamén a novas plataformas como Twitch, que está crecendo e empezando a conformar unha nova xeración de creadores de contido en galego.

VINTE é unha revista e plataforma de contido multimedia vinculada ao xornal Praza.gal e dirixida a un público de entre 20 e 45 anos. Naceu a finais de 2018 coa vocación de ser “a revista para a Galicia dos anos 20” e de producir xornalismo en diversos formatos para ofrecer unha visión fresca do que pasa en Galicia en cuestións de sociedade, cultura e tendencias. Os seus contidos distribúense a través da web vinte.praza.gal e dos seus perfís en Instagram, Facebook, Twitter e Youtube.

PUNTOGAL é a asociación que xestiona os dominios .gal. É unha entidade sen ánimo de lucro que naceu no 2006, rexistrou o seu primeiro dominio no 2014 e hoxe xa conta con máis de 5700 dominios activos. Agrupa a máis de 110 entidades galegas e entre os seus obxectivos está o fomento das novas tecnoloxías, a alfabetización dixital e o uso da lingua na rede.