Novas, Novas destacadas, Proxectos

Os premios Spin-Off PuntoGal lanzan a súa quinta edición

Compañías e grupos de investigación innovadores poderán presentar as súas candidaturas ata o 15 de setembro

20 de maio de 2021 I O Dominio PuntoGal e o portal GCiencia veñen de convocar a quinta edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, que recoñecen as iniciativas mais innovadoras xurdidas no ámbito das tres universidades públicas galegas. As interesadas en participar poderán presentar as súas candidaturas ata o próximo 15 de setembro.

Como xa ocorrera en 2020, nesta nova edición os premios recoñecerán o labor desenvolvida polas empresas e os grupos de investigación das universidades galegas en tres apartados diferentes. O obxectivo é o de recoñecer a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios. A Secretaria Xeral de Universidades da Xunta e Gadis colaboran nestes galardóns.

No apartado Selo de Calidade recoñecerase á empresa galega que teña consolidado ao longo do tempo una traxectoria empresarial de prestixio. Nas anteriores edicións dos premios foron distinguidas neste apartado compañías coma ImatiaGalchimia Innolact e Orballo, que foi a gañadora en 2020.

As empresas que irrompesen nos últimos meses no mercado cunha idea ou proxecto de marcado carácter innovador serán recoñecidas no apartado Idea Emerxente. O ano pasado a gañadora neste apartado foi a empresa de realidade virtual Psico VR e noutras edicións obtiveron o galardón compañías como Situm, All Genetics e HG Beyond.

Por segunda vez os galardóns contarán cunha categoría que recoñecerá o traballo dun grupo de investigación dependente dalgunha das tres universidades galegas. Para a concesión deste premio, o xurado terá en conta aspectos coma as innovacións obtidas, os proxectos emprendidos, as publicacións realizadas e o grao de colaboración con empresas. O ano pasado o gañador foi o grupo Varpa, vinculado á Universidade da Coruña.

Candidaturas

As empresas e grupos de investigación interesados en participar nestas dúas últimas  categorías poderán enviar a súa candidatura á dirección de correo electrónico spinoff@dominio.gal, ou ben no formulario dispoñible na seguinte ligazón: https://i.gal/spinoffV.

Xa que os premios teñen como obxectivo o recoñecemento do papel das universidades como motor da investigación no país, o xurado terá en conta na súa valoración cuestións como as patentes rexistradas, os artigos publicados en revistas de prestixio ou a participación en proxectos multidisciplinares de I+D+i. Ademais, salientaranse proxectos liderados por mulleres ou equipos onde a presenza da muller sexa relevante tanto en número coma en xerarquía, así como o uso do galego na comunicación interna e externa do grupo ou a empresa.

O xurado

O xurado estará integrado por investigadores de prestixio e por representantes do mundo universitario, institucional e empresarial. Os finalistas e gañadores nas distintas categorías se darán a coñecer antes do 30 de outubro e o acto de entrega de premios celebrárase no último trimestre de 2021.

A evolución das distintas fases do Premio iranse detallando no novo microsite talentodeGalicia.gal, un portal creado por GCiencia para dar a coñecer as novidades no mundo da innovación. Nesa sección recolleranse todas as noticias que xurdan en relación con estes Premios e coas empresas nadas no ámbito das universidades galegas. As bases dos premios están publicadas e pódense consultar nesta ligazón (https://i.gal/bas) e na páxina web de PuntoGal.

Dominio PuntoGal

PuntoGal, con preto de 6.000 dominios rexistrados, asóciase con GCiencia como co-organizador e patrocinador principal destes galardóns, no marco do seu programa corporativo de apoio a iniciativas de interese para Galicia. O obxectivo do dominio é recoñecer o traballo realizado nas universidades públicas galegas no ámbito da investigación e a innovación, así como a súa aportación ao tecido económico do país.

GCiencia é un xornal dixital envorcado ao fomento do coñecemento científico e tecnolóxico entre un público xeralista. Con ata 5,5 millóns de visitas e 400.000 visitantes únicos mensuais, reúne a unha comunidade de case 100.000 persoas en redes sociais. O proxecto conta con numerosos galardóns, entre eles o Prismas 2019 ao Mellor Novo Medio, o galardón máis prestixioso á divulgación científica de España, e o Premio da Crítica de Galicia 2020.